[23-02-2018] O Concello de Ames organiza para este sábado, 24 de febreiro, un acto cheo de música e poesía no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, ás 19:00 horas, para homenaxear a Rosalía de Castro. O evento conmemorará o 181 aniversario do nacemento desta autora tan vinculada ao Concello de Ames. Contará con recitados de poesía, dramatizacións, videocreacións e actuacións musicais entre as que salienta a da cantora boirense Sonia Lebedynski e a da venezolana Wlaychel Lozano. No acto tamén participará o alumando dos centros escolares de Ames, representantes de asociacións e do ámbito cultural, así como veciñas e veciños procedentes doutros países. A entrada será libre e gratuíta ata completar aforo e todas as persoas asistentes recibirán de agasallo un libro do certame literario amesá e unha rosa.

A concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero, anima a toda a veciñanza a participar no acto literario-musical que terá lugar mañá, ás 19:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. “O Concello de Ames preparou unha programación variada e participativa para celebrar o aniversario de Rosalía, co obxectivo de difundir a obra e o pensamento rosaliano, ao tempo que se pon en valor a lingua galega e se resalta a vixencia e a actualidade da autora. Con esta programación esperamos socializar amplamente a figura de Rosalía, de maneira que a xente de Ames se sinta orgullosa de ter unha veciña do talle dela”, apunta Isabel Vaquero.
Este sábado, 24 de febreiro, o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acollerá, ás 19:00 horas, a gala homenaxe a Rosalía de Castro, que contará con recitados de poesía, dramatizacións, videocreacións e actuacións musicais entre as que salienta a da cantora boirense Sonia Lebedynski e a da venezolana Wlaychel Lozano. A entrada será libre e gratuíta e todas as persoas asistentes recibirán de agasallo un libro do certame literario amesá e unha rosa. O acto será conducido pola xornalista de Ames Radio Nazaret López.
Actuación musical de Sonia Lebedynski
A gala comezará coa actuación de Sonia Lebedynski, cantora cuxa versatilidade interpretativa a levou a formar parte de proxectos musicais diversos tais como Son Delas, Ball Cans, Voces na Musa e Sereas, entre outros. Así mesmo, Lebedynski participou nos traballos discográficos de Fía na Roca, Susana Seivane, Camaxe, Seare, Asociación Galega de Gaiteiros Galegos, Brañas Folk, Enrique Paisal e Sergio Tannus. Está moi vinculada á creación de música para as máis cativas e cativos, xa que colaborou tamén en diferentes propostas musicais como O tempo dos xogos, Pelo Gato ou Non hai berce como o colo.
Após a primeira das actuacións musicais, intervirá a concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero seguida de Dolores Vilavedra, membro da Fundación Rosalía de Castro, que lerá un poema da autora. De seguido, proxectarase un vídeo creado polo alumnado e o profesorado da EEI do Milladoiro titulado Rosalía tamén vive aquí e darase paso á lectura de varios poemas rosalianos da man de sete alumnas e alumnos do CEIP Agro do Muíño.
O acto proseguirá coa actuación musical de Wlaychel Lozano, veciña amesá procedente de Venezuela que, este ano, participou no obradoiro de lingua e cultura organizado polo Concello de Ames e que interpretará no acto o tema Negra Sombra. Dru Parbel, escritora asturiana afincada en Ames, recitará un poema de Rosalía tras a actuación musical. A continuación, proxectarase un vídeo realizado no CEIP da Maía, que precederá ao recitado de poemas rosalianos por parte do alumando do colexio de Ventín.
O IES de Milladoiro estará presente no acto coa proxección dun vídeo elaborado polo propio centro. Casiano Otero Varela, da Asociación de Xubilados do Milladoiro JUPEMI, porá o seu gran de área ao acto recitando un dos poemas da autora. O alumando do IES de Ames, pola súa banda, ofrecerá unha actuación poético-musical na que recreará textos da autora. Por último, Paco Rubinos lerá un texto propio na honra de Rosalía. O acto pechará coa actuación de novo de Sonia Lebedynski.





