[13-11-2015] Música tradicional, un DJ, obradoiros de graffiti con temática de outono, xogos tradicionais, castañas asadas e bolos preñados, ademais dunha saída micolóxica e unha exposición cos cogomelos recollidos, compoñen o programa que o Concello de Ames preparou para a festa do magosto 2015. A festa desenvolverase mañá, sábado 14 de novembro, a partir das 17:00 horas, na praza de Manuel Murguía. Ademais, hoxe, ás 19:00 horas, o Pazo da Peregrina acolle unha charla coloquio sobre os cogomelos e mañá pola mañá, unhas 50 persoas participarán nunha saída ao monte para recoller estes froitos de outono.
Un total de 140 quilos de castañas e 450 bolos preñados serán servidos na festa do Magosto 2015 que organiza o Concello de Ames, a través dos departamentos de Cultura, Mocidade e Medio Ambiente. É habitual que as localidades do Milladoiro e de Bertamiráns se alternen, para acoller esta festa de outono en Ames. Este ano tócalle a quenda ao Milladoiro, polo que será na praza de Manuel Murguía, onde se leven a cabo as actividades que xirarán en torno á música, os graffitis e os xogos tradicionais.
A música correrá a cargo da Requinta da Maia, da Asociación Follas Novas, de Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela e dun DJ. A Asociación Vella Escola encargarase de impartir un obradoiro de graffitis, a través do cal os mozos e mozas que o desexen poderán practicar esta técnica pictórica sobre paneis instalados para ese fin. Os temas que se debuxarán terán que ver co outono.
Baixo o denominador común de Adro Popular, a Asociación Altega, ensinará a quen o desexe unha serie de xogos tradicionais. A ra, os zancos, a buxaina, a corda, o turra xoga, as chapas e a petanca son algúns deles. Os xogos desenvolveranse entre as 17:00 h e as 19:00 horas. Por outra banda, a Asociación SOS Animalia fará tamén un xogo participativo, ao tempo que dará a coñecer os seus obxectivos que se centran en protexer, acoller e fomentar a adopción de animais de compañía, así como a tenencia responsable e o correcto coidado dos mesmos.
Charla e saída micolóxica
Previamente á festa do magosto, a celebración do outono en Ames comeza hoxe pola tarde, ás 19:00 horas, no Pazo da Peregrina onde o profesor Sergio Rojo Martínez, do grupo de actividades medioambientais Arenaria Coordinación, ofrecerá unha charla coloquio sobre os cogomelos. Nesta charla analizaranse as especies máis facilmente recoñecibles, tanto as comestibles como as que nunca se deben inxerir.
Os coñecementos teóricos adquiridos na conferencia, á que pode acudir calquera que o desexe, porque a entrada é libre ata completar aforo, poderán validarse practicamente na saída micolóxica que terá lugar mañá pola mañá. Nesta saída micolóxica participarán arredor de 50 persoas.
Está previsto que os participantes se reúnan ás 10:00 horas na Praza do Concello de Bertamiráns e ás 10:15 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. Logo un autobús levaraos a unha zoa próxima que será determinada polo profesor Rojo Martínez, dependendo das condicións climatolóxicas. Pola tarde, a partir das 17:00 horas, e xa no marco da festa do magosto, analizaranse as especies recollidas e farase unha exposición cos cogomelos.
Na realización da festa do Magosto 2015 de Ames colaboran co Concello de Ames a Asociación Lentura, a Asociación de Festas do Milladoiro, Arcea Adames, Tolos pola xuventude, o club MillaRaio e SOS Animalia.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Fiesta del magosto en la plaza de Manuel Murguía de Milladoiro"




