[07-03-2018] Co obxectivo de sufragar os billetes de avión das cativas e cativos saharauís que veñen cada verán a Galicia, a través do programa Vacacións en Paz da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, as familias de acollida de Ames, Santiago, Brión e Teo organizan anualmente unha cea solidaria. A cea deste ano, que terá lugar este sábado a partir das 21:00h no restaurante compostelán Paz Nogueira, contará cun menú adulto de 25 euros e outro infantil de 15€. Para asistir pódese contactar con Esther Ybarra, voceira na zona de Sogaps, chamando ao número de teléfono 609 76 49 45 ou enviando un correo ao enderezo electrónico eybarra.sogaps@gmail.com. O Concello de Ames colabora anualmente co programa Vacacións en Paz exercendo labores de publicidade, mediación entre as familias e a asociación e xestión da estadía das nenas e nenos saharauís en Ames.

Un ano máis, as familias de acollida de Ames, Santiago, Brión e Teo organizan unha cea solidaria co obxectivo de sufragar o programa Vacacións en Paz, da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps). Desta maneira, os fondos recadados con esta iniciativa, que acada a súa sétima edición, destínanse integramente ao financiamento dos billetes de avión das nenas e nenos saharauís que cada verán veñen a Galicia. O obxectivo é, coma sempre, que poidan viaxar o maior número posible de crianzas. O pasado verán, foron 11 as nenas e nenos acollidos por familias amesás.
A cea solidaria deste ano terá lugar este sábado, 10 de marzo, no restaurante compostelán Paz Nogueira a partir das 21:00 horas. Haberá un menú adulto de 25 euros e outro infantil de 15€. Ademais, tendo en conta o éxito da ambientación da cea anterior, tipo guateque anos 80, este ano a organización decidiu orientar a temática na década dos 60, baixo o lema ‘make love not war’. Para asistir á cea, á que non é obrigatorio acudir disfrazado, pódese contactar con Esther Ybarra, voceira na zona de Sogaps, a través do número de teléfono 609 76 49 45 ou do enderezo de correo electrónico eybarra.sogaps@gmail.com.
O programa conta coa colaboración do Concello de Ames
O Concello de Ames colabora anualmente co programa de Sogaps, Vacacións en Paz, dándolle publicidade, realizando labores de mediación entre as familias e a asociación e xestionando a estadía das nenas e nenos saharauís en Ames. O programa Vacacións en Paz preséntase nun marco de solidariedade e axuda desinteresada, co fin de propiciar unha estadía agradable e humanamente rica ás crianzas saharauís. O programa busca ofrecer ás cativas e cativos, que naceron nun clima de guerra, a posibilidade de coñecer outros xeitos de vida, de maneira que iso contribúa positivamente a súa formación.
Contido relacionado

Ames Go: "Cea solidaria para financiar as Vacacións en Paz dos nenos e nenas saharauis"




