Pestanas principais

Este sábado a Aula da Natureza organiza o obradoiro “Con-tacto natural” para bebés

Martes, 04 de outubro de 2016

[04-10-2016] A Aula da Natureza de Ames prepara este sábado, 8 de outubro, unha actividade para as persoas miúdas da casa. Dirixida aos bebés de 0 a 2 anos “Con-tacto natural” é un obradoiro que se desenvolverá no parque do Ameneiral de Bertamiráns, entre as 12:00 e as 13:30 horas. Partindo da base de que un contacto coa natureza dende a infancia axuda a acadar unha maior harmonía e tranquilidade as familias acompañarán aos nenos na descuberta de cheiros, tactos e sons. Para participar é necesario reservar praza no número 660004665 ou enviar un correo ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.

O Departamento de Medio Ambiente de Ames, a través da Aula da Natureza, organiza unha nova actividade dentro do programa Apego. O obradoiro “Con´-tacto natural” está dirixido a familias con crianzas de 0 a 2 anos. Nel as familias acompañarán ás e aos miúdos da casa na descuberta do seu medio natural. Comezarase ás 12:00 horas no parque do Ameneiral e hai vinte prazas dispoñibles para participar. Será impartido por dúas monitoras, unha delas a técnico municipal de Medio Ambiente Patricia Reboreda.

No parque, á altura das pistas de voleibol e das hortas urbanas, habilitaranse distintas áreas. En cada unha delas traballarase cun sentido distinto. O oído distinguirá os sons das pedras ao chocar entre si ou ao caer á auga e escoitará o ruído de axóuxeres construídos empregando noces. A través do sentido do tacto irase comprobando os materiais preferidos polos bebés entre a area, a terra ou as rochas, por exemplo. Ademais os bebés probarán cheiros distintos, agradables e desagradables: romeu, tomiño, pementa ou cravo. Os materiais serán aportados pola Aula de Natureza.

Esta actividade busca poñer en contacto coa natureza aos nenos e nenas dende ben pequenos. Pártese da base de que esta relación estreita co medio lles aportará benestar e harmonía ao longo do seu desenvolvemento. As familias que queiran inscribirse e acudir cos seus fillos e fillas débeno facer antes das 14:00 horas do venres 7 de outubro. Ofértanse 20 prazas en total, e lémbrase que para reservar unha delas hai que chamar ao teléfono 660004665 ou contactar a través do correo auladanatureza@concellodeames.gal.