Pestanas principais

Este sábado, 8 de xullo, chega a Biduído o festival SolporSon de Ames 2023

Luns, 03 de xullo de 2023

Este sábado, 8 de xullo, terá lugar, no campo da festa de Biduído, unha nova edición do SolporSon de Ames. Trátase dunha iniciativa posta en marcha polo departamento de Mocidade no ano 2019, que se celebrará nesta ocasión por cuarto ano. A festa arrincará ás 22:00, e ao longo de cinco horas sucederanse as actuacións dos grupos A Quinkillada e Jinetes del Trópico, así como de Señora DJ. Poñerase a disposición dos asistentes un servizo de autobús para acudir e volver do festival dende Bertamiráns e O Milladoiro. A entrada será libre e gratuíta.

O campo da festa de Biduído acollerá este sábado o festival SolporSon de Ames 2023. O evento naceu como iniciativa para dar voz ás bandas noveis de Ames e da contorna e, na actualidade, aglutina a grupos de distintos estilos, con repertorio en galego e para un amplo espectro de público. Trátase do cuarto ano que se organiza o festival, que tamén busca dar pulo ao rural mediante a programación de actividades dirixidas ao público mozo.

Os concertos darán comezo arredor das 22:00 h. Ao longo de cinco horas irán pasando polo escenario dous grupos e unha DJ, e a festa rematará arredor das 3:00 da madrugada. O xornada arrincará coa actuación de A Quinkillada, que combina a sinerxia entre a maxia da verbena galega e a forza dun festival con toda a frescura dunha banda nova; e que mestura ritmos latinos coa rumba máis quinki, para facer bailar a todo o mundo cos seus temas.

A continuación terá lugar o concerto de Jinetes del Trópico, un grupo de cumbia, reggaeton antimachista e punk tropical nacido en Mos, cuxas cancións reflicten compromiso, creatividade, amor, festa e soños dos seus compoñentes.

A última das apostas do SolporSon 2023 é Señora DJ, pseudónimo empregado por Raquel Rodríguez. A DJ comezou a súa traxectoria profesional fai seis anos, tras unirse ao cartel dun festival que marcaría os inicios da súa carreira. Dende entón, pincha ao redor de Galicia estilos de todo tipo, animando ás mulleres a poñerse aos pratos e a unirse ao mundo dos disq-jockeys.

Servizo de autobuses
O Concello pon a disposición dos asistentes ao festival un servizo de autobús que pasará polas localidades de Bertamiráns e do Milladoiro. O autocar sairá do Pazo da Peregrina ás 21:15 horas, e continuará ata a Casa da Cultura do Milladoiro antes de seguir o camiño cara a Biduído de Abaixo. En caso de ser preciso, repetirase a ruta para recoller a todas as persoas que desexen empregar o servizo.

A saída dende o campo da festa de Biduído será ás 02:45 horas. Realizarase a ruta á inversa, pasando de novo pola Casa da Cultura do Milladoiro e o Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Novamente, en caso de ser preciso, repetirase o recorrido.

Prohibición de aparcamento no campo da festa de Biduído
Con motivo da celebración do SolporSon, queda prohibido estacionar no campo da festa dende as 22:00 horas da noite do día 7 de xullo ata as 7:00 horas da mañá do 9 de xullo de 2023, para permitir a montaxe e desmontaxe do evento.

Por outra banda, recoméndase circular con precaución no tramo da estrada DP-0206 ao seu paso pola aldea de Biduído de Abaixo (campo da festa e arredores), e aparcar correctamente. Premendo nesta ligazón pódese acceder ao bando informativo.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "A Quinkillada, Jinetes del Trópico e Señora DJ actuarán no festival SolporSon de Ames"

Cartaz do SolporSon 2023