[02-01-2013] Os nenos e nenas amienses xa agardan con gran ilusión a noite máis emocionante do ano para eles, na que recibirán os agasallos dos Reis Magos. Pero antes de pasar polos fogares de cada rapaz/a, as súas Maxestades de Oriente percorrerán como cada ano as rúas do Milladoiro e de Bertamiráns. Os Reis Magos estarán no Milladoiro ás 17:00 para iniciar o seu percorrido polas rúas e facer a súa recepción ás 17:30 no pavillón do Milladoiro. O percorrido por Bertamiráns comezará ás 18:00 e rematará ás 18:30 coa recepción no pavillón de Bertamiráns. Media hora antes de cada recepción abriranse os pavillóns e haberá animación infantil, con música e xogos. Haberá cortes de tráfico por motivo da cabalgata. Ademais, as súas Maxestades entregarán os premios do VI Concurso de cartas aos Reis Magos.
Os Reis Magos de Oriente visitarán O Milladoiro e Bertamiráns este sábado 5 de xaneiro. A recepción real será nos pavillóns do Milladoiro e Bertamiráns e os Magos de Oriente estarán acompañados de paxes e comparsas que repartirán caramelos e ilusión entre todos os nenos e nenas. Antes da recepción as súas Maxestades percorrerán as rúas do Milladoiro e de Bertamiráns. A música correrá a cardo do grupo de gaitas Os Castros. Hai que destacar que no Milladoiro e en Bertamiráns produciranse cortes de tráfico esporádicos nas rúas polas que pasa a comitiva real con motivo da visita dos Reis Magos.
Visita ao Milladoiro e Bertamiráns
As cinco da tarde comezará a animación no pavillón polideportivo do Milladoiro. A esta mesma hora sairá a comitiva das súas Maxestades que percorrerá as rúas desta localidade. Esta comitiva pasará pola Travesía do Porto e polas rúas Os Cereixos, Agro da Madalena, Agro do Medio, Raxoeira, Anxeriz, A Curuxa, Figueiras, O Rego, Costa Grande, Rosalía de Castro e Viorneira. A comitiva volverá pola rúa Os Cereixos ata chegar arredor das 17:30 horas ao pavillón polideportivo onde se realizará a recepción real. Xa no pavillón, o alcalde de Ames, Santiago Amor, dará a benvida ás súas Maxestades e o Rei Melchor agradecerá a hospitalidade dos amienses. Ademais, os Reis tamén entregarán os premios aos nenos e nenas que gañaron o Concurso de cartas aos Reis Magos.
Despois de pasar polo Milladoiro as súas Maxestades dirixiranse a Bertamiráns. O lugar de recepción será o pavillón polideportivo desta localidade onde comezará a animación a partir das 18:00 horas. Neste caso a comitiva dos Reis Magos arrincará ás 18:00 horas e pasará pola rúa Alcalde Lorenzo, avenida da Maía, praza de Chavián e O Pedregal. Volverán pola avenida da Maía e pola avenida da Peregrina ata chegar ao pavillón municipal. Cando os Reis Magos cheguen ao pavillón de Bertamiráns serán recibidos polo alcalde de Ames, Santiago Amor, que tamén lles dará a benvida. O Rei Melchor tamén pronunciará unhas palabras de agradecemento ante a veciñanza amiense. Ao igual que no Milladoiro, as súas Maxestades entregarán os premio aos gañadores e gañadoras do VI Concurso de cartas aos Reis Magos.
VI Concurso de cartas aos Reis Magos
O xurado do VI Concurso de cartas aos Reis Magos, formado por persoas escollidas pola Casa Real de Oriente e polo Concello de Ames, xa elixiron aos gañadores desta edición. No Milladoiro, os premiados foron Antía Somoza Boveda de 5 anos de idade e que cursa estudios de educación infantil na EEI do Milladoiro; Brais Martínez Couto que ten seis anos e que cursa primeiro ciclo de educación primaria no CEP de Ventín; e Esteban Lugo Padín de 9 anos e que cursa cuarto de primaria no CEP de Ventín.
Por outra banda, en Bertamiráns, os gañadores foron Leire Fernández Morales de 4 anos de idade e que cursa estudios de educación infantil no CEIP Agro do Muíño; Sara Casuso Mosquera que ten sete anos e que cursa primeiro ciclo de educación primaria no CEIP A Maía; e Lucía Rodríguez Lema de 8 anos e que cursa terceiro de primaria no CEIP A Maía.
Este ano arredor de 250 nenos e nenas participaron neste concurso. O xurado explicou que o labor de selección foi moi difícil, tanto pola alta participación como pola calidade das cartas recibidas e quixo agradecer o traballo realizado polos nenos e nenas así como a colaboración dos papas e mamás e dos equipos de dinamización lingüística cos colexios de educación infantil e primaria do Concello de Ames. O próximo sábado día 5 de xaneiro as gañadoras e gañadores do certame recibirán os seus agasallos nos pavillóns de Bertamiráns e do Milladoiro.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Este sábado, 5 de xaneiro, os Reis Magos visitarán O Milladoiro e Bertamiráns para entregarlle os seus regalos aos nenos e nenas de Ames"
El Correo Gallego: "Los Reyes emprenden su ruta para repartir ilusión y regalos"
La Voz de Galicia: "Los niños amienses recibirán la visita de los Reyes Magos en Milladoiro y Bertamiráns"




