Pestanas principais

Este sábado, 4 de xaneiro, celebrarase o II Partido benéfico de fútbol "Marquémoslle un gol ao cancro"

Xoves, 02 de xaneiro de 2014

[02-01-2014] O campo municipal de Bertamiráns acolle este sábado o II Partido benéfico de fútbol "Marquémoslle un gol ao cancro". O Milladoiro SD e o Bertamiráns FC, en colaboración co Concello de Ames, organizan un ano máis esta iniciativa que pretende recadar fondos para a Asociación Española contra o cancro. Ás 16:30 h un combinado de adestradores do Milladoiro SD e do Bertamiráns FC xogarán contra un equipo formado por peritos de automóbiles de toda Galicia. O partido estrela da tarde disputarase ás 18:30 horas, no cal participarán varios famosos galegos e algúns xogadores de fútbol de Ames. Para asistir a este espectáculo hai que mercar un lazo verde polo módico prezo dun euro. Este lazo pódese adquirir nas billeteiras do campo de fútbol ou en varios locais hostaleiros do Milladoiro e de Bertamiráns.

Por segundo ano consecutivo o Milladoiro SD e o Bertamiráns FC, en colaboración co Concello de Ames, únense por unha boa causa. Este sábado 4 de xaneiro, a partir das 18:30 horas, celebrarase no campo de fútbol municipal de Bertamiráns o II Partido benéfico de fútbol. Este ano o lema desta iniciativa é Marquémoslle un gol ao cancro.

Este evento está composto por dúas actividades. Ás 16:30 h un combinado de adestradores do Milladoiro SD e do Bertamiráns FC xogarán contra un equipo formado por peritos de automóbiles de toda Galicia, que tamén colaboran nesta iniciativa. Pero o principal partido da tarde disputarase ás 18:30 horas. Un grupo de famosos galegos e varios xogadores de fútbol de Ames xogarán misturados un partido de fútbol por unha causa solidaria como é recadar fondos para a Asociación Española contra o cancro.

Neste partido está confirmada a presenza de Borja Golán, xogador amiense de squash que actualmente é o número 7 do mundo e que foi galardoado na Gala do deporte do Concello de Ames co premio de mellor deportista amiense de 2013. Tamén participarán os ex-xogadores do Autos Lobelle de Fútbol Sala, Manu Barral e Toni Lodeiro, campións da Copa de España en 2006. Outros participantes serán Luís Penido, piloto de rallys; Pedro Nimo, atleta profesional e actual gañador da 9ª Behobia-San Sebastián; Xosé Antonio Touriñan, presentador, humorista e actor; e Javier Macía, responsable do Centro dental Macía.

Para asistir a este espectáculo hai que mercar un lazo verde polo módico prezo dun euro. Este lazo pódese adquirir nas billeteiras do campo de fútbol (o propio día do partido) ou pódese comprar en venda anticipada en varios locais hostaleiros do Milladoiro e de Bertamiráns, así como no Centro dental Macía.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "<Marquémoslle un gol ó cancro>, segundo partido benéfico en Ames con estrelas do deporte"