Pestanas principais

Este sábado, 28 de decembro, celébrase en Bertamiráns o tradicional Encontro de Nadal de agrupacións corais

Venres, 27 de decembro de 2019

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, organizou para este sábado, 28 de decembro, ás 20:30 horas, o Encontro de Nadal de agrupacións de corais no que se darán cita varias corais do concello. Neste encontro actuarán a Coral Antonio Santomil de Bugallido, a Coral de Piñeiro e Ames, a Coral Lojo Batalla de Tapia e mailo Coro de Oca. Cada un destes grupos interpretará tres temas. Este concerto terá lugar no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Esta actividade está dirixida a todos os públicos. A entrada é de balde ata completar aforo.

A programación cultural de Nadal continúa este sábado, 28 de decembro, co tradicional Concerto de Nadal no que haberá un encontro de agrupacións de corais do Concello de Ames. Este concerto terá lugar a partir das 20.30 horas no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Esta actividade está dirixida a todos os públicos. A entrada é de balde ata completar aforo. Neste encontro actuarán a Coral Antonio Santomil de Bugallido, a Coral de Piñeiro-Ames, a Coral Lojo Batalla de Tapia e mailo Coro de Oca. Cada un destes grupos interpretará tres temas.

A Coral Polifónica de Bugallido, que ten corenta e oito anos de percorrido, está composta por 32 voces mixtas e conta cun repertorio que abarca todo tipo de polifonía: música popular galega, habaneras, música sacra, renacentista, etc. Ao longo da súa exitosa traxectoria, a coral ofreceu concertos por toda Galicia e fóra da comunidade. Cabe resaltar a súa actuación nas Catedrais de Santiago e Oviedo.

O Coro parroquial de Piñeiro e o Coro parroquial de Ames participarán xuntos neste festival. Aínda que nun principio estes grupos tiveron andainas separadas son varias as circunstancias que os levaron a fusionarse. Os dous coros empezaron o seu percorrido no ano 2002 da man da mesma mestra, Anxos Renieblas, e con idéntico obxectivo: formar un grupo que acompañase e amenizase as distintas celebracións eucarísticas nas respectivas parroquias. Co paso do tempo fóronse unificando repertorios, saídas e celebracións de xeito que na actualidade comparten todo tipo de actuacións formando así un grupo dinámico, con representación de distintas idades e caracterizado polo acompañamento de guitarras e percusión o cal os diferencia das corais máis tradicionais.

Ademais, neste Encontro participará Coro Lojo Batalla de Tapia, que se fundou hai uns anos coa idea de cantar as misas parroquiais. Basicamente, interpretan música relixiosa, participando activamente nas misas das parroquias veciñas e nos concellos de Santiago e Boqueixón. O coro está formado por 18 voces e dirixido por Felisa Regueira Vázquez.

O Concerto de Corais tamén contará coa actuación do Coro de Oca, unha agrupación que, desde os seus inicios a principios da década dos 2000, dedicase a poñer música ás liturxias que se celebran na capela. Está composto por mulleres de dita aldea e ten actuado en festivais benéficos. Está dirixido por Miguel Ángel Sánchez del Río.

 

Novas relacionadas:

Compostela 24 horas: "Bertamiráns acollerá o Encontro de Nadal de Corais"

Imaxe do cartel do Encontro de Nadal de agrupacións corais

Multimedia

  • Imaxe do cartel do Encontro de Nadal de agrupacións corais