[22-10-2013] O obradoiro Mapas do ceo con chocolate, que organizou a Concellaría de Medio Ambiente, para os sábados 19 e 26 de outubro, tivo moi boa acollida entre os nenos e nenas de Ames. Deste xeito, completáronse as 20 prazas ofertadas para esta actividade. Neste obradoiro os rapaces e rapazas están coñecendo as principais constelacións de estrelas como a Cruz do Sur ou a Osa Menor, entre outras. Ademais, os participantes están realizando unha maqueta para buscar no ceo a Estrela Polar e un proxector de constelacións. Para facer máis ameno este obradoiro os nenos e nenas toman unha saborosa cunca de chocolate quente.

O sábado pasado, 19 de outubro, comezou a programación de actividades da Aula da Natureza cun obradoiro denominado Mapas do ceo con chocolate. Esta actividade, que está dirixida aos nenos e nenas de 6 a 14 anos, comezou o sábado 19 e continuará o día 26 de outubro. Este obradoiro impártese en horario de mañá, entre as 11:30 h e as 13:30 horas.
Na primeira xornada os nenos e nenas escoitaron unha explicación sobre os primeiros usos que tiveron as estrelas para os seres humanos. Deste xeito, explicóuselles que os primeiros homes e mulleres miraban as estrelas para coñecer os cambio de estación; épocas de chuvia e de calor; e para desenvolver a actividade da agricultura (sementar e recoller as colleitas).
A través desta explicación os rapaces e rapazas chegaron a conclusión de que as estrelas non están sempre na mesma posición, senón que estas varían segundo a época do ano. Polo tanto á posición das estrelas no ceo é cíclica. Os participantes tamén escoitaron varias historias que se contaban hai moitos anos para recordar a posición das estrelas. Desta forma xurdiu a mitoloxía que hai arredor das estrelas e das constelacións.
Na parte práctica, os rapaces e rapazas debuxaron as estrelas máis significativas (Osa Maior, Osa Menor, Casiopea e Sirius), así como a constelación de Orión. Ademais, comezaron a elaborar unha maqueta que lles servirá para buscar no ceo a Estrela Polar. Esta maqueta estará composta polas constelacións da Osa Maior, a Osa Menor e de Casiopea.
Segunda xornada do obradoiro
Na segunda xornada do obradoiro os nenos e nenas rematarán a maqueta que comezaron na primeira xornada do obradoiro. Por outra banda, partindo da reciclaxe de botes de patacas fritas, farán un proxector de constelacións. Os nenos/as poderán elixir as constelacións que máis lle gusten ou a do seu horóscopo para poder ver a través do seu proxector. Deste xeito, coñecerán máis polo miúdo as constelacións dos seus horóscopos e aprenderán o significado do uso do zodíaco para ver o paso do tempo. No descanso do obradoiro os nenos e nenas poderán degustar unha saborosa cunca de chocolate quente.





