[23-08-2012] O sábado 25 de agosto celébrase en Covas a sexta edición da Festa da Orella de porco cocida. A esta celebración, máis coñecida como a festa do socio, están invitados todos os socios/as da Asociación de veciños de Covas e todos aqueles veciños desta parroquia que queiran sumarase a este xantar. A través desta iniciativa trátase de pasar un día de xuntanza e integrar a todas aquelas persoas que non naceron nesta parroquia, pero que agora elixírona como lugar de residencia. Dende a organización calcúlase que arredor de 300 persoas participarán nesta festa. O xantar desenvolverase na pista polideportiva que se atopa ao carón do campo da festa de Covas.
Ademais de pasar unha xornada de confraternidade entre veciños todas as persoas que acudan a esta celebración poderán degustar empanada, chourizos, orella de porco cocida, acompañado de viño, auga, ou refrescos. De sobremesa servirase torta de maza e café. Todo isto polo módico prezo de 5 euros por persoa. Haberá carpa por se o tempo non acompaña e música para amenizar a comida a cargo dun grupo de gaitas.
Esta festa tamén serve para render contas por parte da Asociación de veciños de Covas. Ao final da comida a directiva desta asociación informa do estado de contas da asociación (ingresos e gastos) durante o último exercicio.
Segundo manifesta un dos membros desta asociación de veciños, Emilio Ruanova, a través desta festa trátase de reunir aos veciños e veciñas da parroquia para pasar un día xuntos e integrar a todas aquelas persoas que levan vivindo pouco tempo nesta parroquia. A Asociación de veciños de Covas repartiu por cada casa da parroquia un pequeno cartel para informar da devandita festa.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Los vecinos de la parroquia amiense de Covas celebran este sábado la Festa da Orella"
El Correo Gallego: "Este sábado 25 de agosto os veciños de Covas celebran a Festa da Orella"




