Pestanas principais

Este sábado, 22 de setembro, celebrarase a II Ruta Nocturna polos petróglifos do Monte Castelo e Peneda Negra

Mércores, 19 de setembro de 2018

[19-09-2018] O colectivo A Rula colabora este sábado, 22 de setembro, co Concello de Ames na organización dunha nova ruta nocturna para visitar os petróglifos do Monte Castelo e Peneda Negra. A visita comezará ás 21.00 horas en Ventosa, e constará dunha explicación sobre ambas áreas rupestres ao tempo que se poderán contemplar. Para anotarse nesta andaina, que conta con un número de prazas limitado, é necesario enviar un correo electrónico ao enderezo colectivoarula@gmail.com.


O concello de Ames conta cunha gran riqueza de mostras históricas, entre a que se encontran máis dunha vintena de xacementos prehistóricos e protohistóricos repartidos por todo o concello. Co obxectivo de achegar a historia de Ames a aquelas persoas interesadas na arte rupestre, o colectivo A Rula e o Concello de Ames organizan unha nova ruta nocturna para visitar os conxuntos rupestres de Castelo e Peneda Negra, situados na parroquia de Covas.

En xullo de 2016 xa se realizou unha visita a esta esta estación de arte rupestre. O colectivo A Rula foi o que redescubriu, en 2015, estes petróglifos, que xa mencionara o arqueólogo Sobrino Lorenzo-Ruza, quen a visitou da man do ex-alcalde amesán durante a República, Óscar Lojo-Batalla. Así, esta andaina, que comezará ás 21.00 horas no lugar de Ventosa, contará cun total de 50 prazas, que se ocuparán por orde de inscrición, para o que é necesario enviar un correo electrónico ao enderezo colectivoarula@gmail.com.

Posta en valor do herdanza histórica
Esta ruta nocturna supón a segunda iniciativa destas características que se realiza este ano no concello. A primeira, realizada o sábado, 7 de xullo, consistiu nunha visita ao petróglifo da Nave de Mourigade, situado na parroquia de San Pedro de Bugallido. Nesta actividade, na que participaron arredor dunhas 60 persoas, aproveitouse para amosarlle aos visitantes un novo panel localizado polo Colectivo A Rula, aínda sen catalogar, e para explicar os diferentes paneis insculturados co apoio de iluminación artificial rasante que permitiu unha óptima visualización.

Parque Compostela Rupestre
Por outra banda, hai que sinalar que onte o alcalde e mailo concelleiro de Educación e Cultura asistiron ao acto de sinatura para a creación do Parque Compostela Rupestre. Dito convenio foi asinado entre a Deputación da Coruña e mailos Concellos de Ames, Brión, Santiago de Compostela, Teo e Val do Dubra. A través de dito convenio de colaboración preténdese promocionar o patrimonio arqueolóxico da comarca. O convenio terá unha vixencia de catro anos, prorrogables por outros catro. A Deputación da Coruña achegará 500.000 euros para desenvolver este proxecto.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Diputación y concellos aprueban el Parque Compostela Rupestre"
La Voz de Galicia: "Diputación y concellos sellan el proyecto del parque rupestre de Compostela"
Compostela 24 horas: "II Ruta Nocturna polos petróglifos do Monte Castelo e Peneda Negra"