Pestanas principais

Este sábado, 22 de abril, celébrase no Pazo da Peregrina o Festival de economía circular

Mércores, 19 de abril de 2023

O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolle este sábado o Festival de economía circular co obxectivo de achegarlle á veciñanza este xeito de  vivir baseado en aproveitar os recursos ao máximo. Trátase dunha xornada  lúdica, educativa e concienciadora dirixida a todos os públicos e que inclúe mostras, obradoiros, xogos familiares, compostaxe, reciclaxe e música. O festival desenvolverase entre as 16:00 horas e as 20:30 horas.

A economía circular é un modelo de produción e consumo que implica compartir, arrendar, reutilizar, reparar, renovar e reciclar os materiais e produtos existentes durante o maior tempo posible. Trátase dun xeito de vivir baseado en aproveitar ao máximo os recursos materiais dos que dispoñemos alargando o ciclo de vida dos produtos.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, colabora con CEGASAL na organización deste Festival de economía circular que ten como obxectivo achegarlle á veciñanza amesá este modo de vida. Será un espazo de encontro local cunha filosofía global: transitar cara a un modelo de economía circular e poñendo en valor o papel dos axentes da economía social.

O Festival de economía circular levarase a cabo este sábado, 22 de abril, coincidindo co Día Internacional da Terra. Dende ás 16:00 horas o Pazo da Peregrina albergará actividades variadas e para todas as idades como mostras, obradoiros, xogos familiares, talleres de reciclaxe e de compostaxe. O Festival contará ademais coa actuación de Catuxa Salom. Catuxa é unha cantante que representa a esa xeración que soña con volver ao campo e vivir de maneira tranquila. As súas cancións son un canto á vida rural, ao ecofeminismo e ás raíces, onde o folklore galego se fusiona con ritmos tribais latinoamericanos baixo un interesante envoltorio electrónico.

Visita aos centros educativos
Membros de CEGASAL visitaron ao alumnado do CEIP de Barouta, do CEP de Ventín, do CEIP Agro do Muíño e do CEIP A Maía para explicarlles o que é a economía circular e convidalos a asistir ao Festival da economía circular.

Durante a visita explicáronlle como o concepto de economía circular xorde de imitar á natureza, onde todo ten valor e todo se aproveita, onde os residuos se converten nun novo recurso. Ademais, puxeron en práctica esta filosofía cunha serie de obradoiros. O alumnado achegouse á economía circular reciclando e dándolle unha segunda vida a papel e cartón usado, caixas de froita, cápsulas de café ou aceite usado elaborando folios reciclados, cestos, broches ou xabón entre outros obxectos.

Os centros educativos do Concello de Ames contarán cun posto no Festival de economía circular no que expoñerán os artigos que elaboraron a partir deste talleres de reciclaxe.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Familias de Ames se conciencian con un foro pionero en Economía circular para lograr el futuro más verde y social"

Cartaz do festival de economía circular

Multimedia

  • Este sábado, 22 de abril, celébrase no Pazo da Peregrina o Festival de economía circular