Pestanas principais

Este sábado, 20 de abril, remata o prazo para presentar textos ao X Certame Literario Concello de Ames de narrativa e poesía

Xoves, 18 de abril de 2013

[18-04-2013] Todos os interesados en participar na décima edición do Certame Literario Concello de Ames teñen de prazo ata o sábado, 20 de abril, para presentar os seus textos, que deben ser inéditos e escritos en lingua galega. A Concellaría de Cultura, a través do Servizo de Normalización Lingüística, convoca este concurso de narrativa e poesía, consolidado xa en todo o país como un referente para os novos autores, co obxectivo de fomentar a creatividade literaria en galego. Os gañadores e gañadoras coñeceranse o 14 de maio e os premios entregaranse o xoves, 16 de maio, nun acto público que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro.

O concurso, que está dirixido a todos os e as amantes da literatura, sexa cal sexa a súa procedencia, supón unha boa oportunidade para todas aquelas persoas que desexen medir a súa capacidade para escribir e os límites da súa imaxinación. O certame literario está dirixido a todas as persoas que queiran expresarse en galego, tanto sexan profesionais da escritura como afeccionados.

Existen tres categorías en cada modalidade do certame (poesía e narrativa). Os nenos e nenas que teñan ata 13 anos poderán participar na primeira categoría, mentres que a segunda está dirixida a rapaces e rapazas de 14 a 17 anos e a terceira ás persoas de 18 anos ou máis. Haberá tres premios en metálico por cada unha destas franxas de idade en ambas as modalidades, que serán de 150 euros, 120 euros e 90 euros na primeira categoría, 180 euros, 150 euros e 120 euros na segunda e 260 euros, 210 euros e 180 euros na terceira.

Todas as persoas que desexen participar no certame deben darse présa xa que este sábado, 20 de abril, remata o prazo para presentar os textos orixinais tanto ao concurso de narrativa como de poesía. Hai que enviar catro exemplares do texto, en folios mecanografados por unha soa cara, a dobre espazo e tamaño de letra 12 ao enderezo Concello de Ames (Servizo de Normalización Lingüística), Avenida de Azcárraga número 5, Bertamiráns, 15220 Ames, A Coruña. A extensión mínima será de 2 páxinas en narrativa e de 20 versos en poesía, mentres que a máxima será de 6 páxinas en narrativa e de 50 versos en poesía. Ademais, cómpre lembrar que o tema é libre e que só se poderá presentar un traballo por persoa en cada unha das modalidades.

Bases do certame literario
Outro dos puntos importantes reflectidos nas bases do certame advirte que nos textos non poderán aparecer os datos persoais do autor ou autora nin a súa sinatura. Así, en cada un dos catro exemplares enviados terá que figurar a modalidade na que participa (narrativa ou poesía), a categoría (1ª, 2ª ou 3ª) e o pseudónimo do autor ou autora. Para garantir o anonimato, os participantes terán que introducir os seus datos persoais (nome, apelidos, idade, fotocopia do DNI, teléfono, enderezo postal e electrónico) nun sobre pechado no que, por fóra, figure o pseudónimo e o título do traballo. Este sobre cos datos persoais e as catro copias do texto introduciranse nun sobre máis grande. No remite deste sobre grande terá que marcarse claramente, de novo, a modalidade, a categoría e o pseudónimo do autor ou autora (nunca o nome real).

O Concello de Ames, en colaboración con FEIRACO, empresa patrocinadora do certame, publicará os traballos premiados nunha antoloxía creada para tal efecto, sen apercibimento de dereitos de autoría e compensando aos autores con cinco exemplares do volume que se edite. As persoas gañadoras do certame deberán entregar posteriormente os textos en formato dixital, e, se os autores publican pola súa conta un dos textos gañadores, deberán facer referencia ao premio obtido neste certame. Os nove libros de recompilacións publicados ata o de agora, recollen un total de de 162 traballos que foron premiados neste concurso (cada antoloxía publicada contén os 18 traballos premiados de cada edición).

Para máis información poden chamar ao número de teléfono 981 884 991 ou enviar un correo electrónico á dirección normalizacion@concellodeames.org correspondente ao Servizo de Normalización lingüística (SNL) do Concello de Ames.