[17-11-2017] Dirixida, fundamentalmente, a familias con crianzas entre os 0 e os 12 anos, a I Xornada de Atención Temperá de Ames terá lugar o vindeiro 18 de novembro, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, a partir das 17:00 horas. Nela intervirán a directora do espazo de intervención temperá Casiopea en Ames, Marina Tubío, o especialista en bioloxía molecular e membro da Fundación Foltra, Pablo Devesa, o Doutor en Optometría, Gonzalo García, e a reflexóloga e osteópata, Maricarmen Matalobos. A entrada é libre e gratuíta.
O próximo 18 de novembro, celebrarase a I Xornada de Atención Temperá de Ames, que estará orientada a familias con crianzas entre os 0 e os 12 anos, así como a profesionais dese ámbito. O obxectivo desta iniciativa é divulgar as características e beneficios da atención temperá. Unha disciplina que atende a cuestións varias como o desenvolvemento integral das nenas e nenos mediante a estimulación ou a reestruturación de áreas do cerebro danadas. A xornada pretende, asemade, romper co falso mito de que a atención temperá só está destinada a crianzas con diversidade funcional.
O sábado, estarán presentes Pablo Devesa, doutor en bioloxía molecular e membro da fundación FOLTRA, quen abordará o proceso de neuroxénesis; Gonzalo García, doutor en optometría, quen falará sobre o desenvolvemento e a recuperación visual; e Maricarmen Matalobos, reflexóloga e osteópata, quen centrará a súa intervención na reflexoloxía. Marina Tubío, directora do espazo de atención temperá Casiopea en Ames, será a encargada de dar inicio á xornada, coa realización dunha presentación acerca da parte integral da atención temperá. A I Xornada de Atención Temperá de Ames desenvolverase no Pazo da Peregrina, a partir das 17:00 horas. A entrada é libre e gratuíta.