[15-12-2016] A programación de Nadal do Concello de Ames continúa este sábado, 17 de decembro, coa celebración do concerto de corais de Nadal, que está organizado pola coral polifónica Antonio Santomil de Bugallido, e que conta coa colaboración do Concello de Ames e da Deputación da Coruña. Neste encontro participan a coral Lembranzas de Santa Cruz de Oleiros, o grupo Arosa Bay de Vilagarcía e a coral polifónica Antonio Santomil de Bugallido. Este concerto terá lugar, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro.
Este sábado, 17 de decembro, subirán ao escenario do auditorio municipal da Casa da Cultura do Milladoiro tres corais, para celebrar o xa tradicional concerto de corais de Nadal. A coral Lembranzas de Santa Cruz de Oleiros abrirá o evento. De seguido, actuará o grupo Arosa Bay de Vilagarcía. Por último, pechará o acto a coral polifónica Antonio Santomil de Bugallido. Este evento comezará ás 20:00 horas. A entrada será de balde ata completar o aforo.
A Coral Lembranzas de Santa Cruz de Oleiros naceu no último trimestre de 1994 e dende entón diríxea Salvador Gascón. Na actualidade está formada por 39 voces mixtas. Dende o seu nacemento esta agrupación participou en multitude de concertos de todo tipo en toda a xeografía do Estado, así como tamén en Portugal e Italia. Asemade, ten gravados dous CDs e colaborou coa Televisión de Galicia en diversos programa e na serie de ficción Padre Casares. No seu repertorio figuran unhas cen cancións: habaneiras, canción moderna, folclore galego e de toda a xeografía do Estado, así como música sacra.
O grupo Arosa Bay é unha agrupación musical, fundamentada no acordeón e nas voces. O seu repertorio está baseado en pezas melódicas cantadas e acompañadas polo acordeón e a corda. Así interpretan dende temas populares ata os intemporais boleros, vals, habaneras, canción mexicana, guaranías, fados, cumbias e canción portuguesa. Tamén teñen temas de colleita propia (versión propia de Lela, as habaneras, Arousa, que foi rescatada do canto popular da bisbarra e que evoca ás marabillosas terras da ría de Arousa, e Un canto a miña rula).
O director do grupo é Alfonso Galbán Rico, quen despois dunha longa traxectoria de músico profesional e despois de 26 anos de director da escola de música de Vilagarcía de Arousa, fundou e formou este grupo. Todos os temas que interpretan están adaptados con mestría as tesituras de voces e instrumentos polo propio director, polo que as interpretacións das mesmas gozan dunha grande acollida entre o público. Esta agrupación está composta por 12 músicos e un técnico de son.
A coral polifónica de Bugallido creouse no ano 1971 en Bugallido (Ames), sendo o seu primeiro director Antonio Santomil, o que daquela era cura párroco. Baixo a súa batuta a coral realizou actuacións en distintos puntos de Galicia e Portugal. Trala morte prematura do seu director e principal impulsor a coral quedou inactiva. No ano 1991 púxose en marcha de novo, grazas á labor de persoas que participaron nela con anterioridade. Creouse así a Asociación Cultural Antonio Santomil, na que se enmarca a coral polifónica. Dende entón esta agrupación participa, xunto con outras corais, en certames e festivais ao longo de toda a xeografía galega.




