Pestanas principais

Este sábado, 15 de marzo, celébrase unha nova edición do festival de música galega “Val da Maía”

Xoves, 13 de marzo de 2014

[13-03-2014] A Asociación Cultural e Xuvenil Val da Maía, en colaboración co Concello de Ames e a Deputación da Coruña, organizaron para este sábado, 15 de marzo, o VI Festival Val da Maía. Esta actividade, que comezará ás 20:30 horas, desenvolverase no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. A través desta actividade preténdese dar a coñecer entre a veciñanza amiense a música popular galega. O acto estará presentado polos músicos Xosé Martins e Davide de Lis. Neste festival actuarán o grupo Son do Souto de Vedra; o grupo folk Os Coribantes de Pontecaldelas; o grupo Alvariza de Teo; o músico amiense Germán V. Soneira, tamén coñecido como o ghaiteiro dos Lamas; e o grupo amiense de pandereteiras As Maianas. Un total de cinco grupos amenizarán a tarde do sábado con música tradicional galega.

A Asociación Cultural e Xuvenil Val da Maía de Ames organiza este sábado, 15 de marzo, un festival de música galega. Este acto contará coa participación de distintos grupos de música galega de diferentes concellos como Vedra, Teo, Pontecaldelas e Ames. Un dos obxectivos deste festival é o de dar a coñecer a todos os veciños e veciñas de Ames ao grupo de cantareiras que naceu ao abeiro da Asociación e que se chaman pandereteiras As Maianas de Ames. O lugar escollido para o acto é a Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 20:30 horas. A entrada será de balde.

Esta asociación naceu no ano 2007 cando se agruparon unha serie de mozas que compartían o seu gusto pola música galega. Despois de formar parte do Obradoiro Municipal de Música e Baile Tradicional do concello amiense durante varios anos decidiron crear esta asociación. Estas rapazas, que formaban un grupo de cantareiras, crearon o grupo As Maianas de Ames para poder desenvolver o seu propio traballo. Esta agrupación está formada por Lidia, Inés, Ainhoa, Cruz, Irene e Ruth.

O grupo de pandereteiras As Maianas, recibiron o premio do xurado no concurso Vas sacar nota, organizado pola Radio Galega no ano 2012. Na edición de 2013 volveron a participar neste concurso co pasodobre “Vaite co vento”. Nesta ocasión quedaron entre os dez primeiros grupos no premio do público. Tamén colaboraron na gravación do último disco do grupo Quodlibet de Pontevedra. Ademais, durante os últimos anos teñen realizado actuacións en diversos lugares como Valga, Arteixo, Ames, Lugo e Pontevedra.

Neste evento participarán distintas agrupacións musicais, que serán presentadas polos músicos Xosé Martins e Davide de Lis. Así actuarán no acto de xeito desinteresado o grupo Son do Souto de Vedra; o grupo folk Os Coribantes de Pontecaldelas; o grupo Alvariza de Teo; e o músico amiense Germán V. Soneira, tamén coñecido como o ghaiteiro dos Lamas. Como grupo anfitrión actuará o grupo de pandereteiras As Maianas de Ames. Un total de cinco grupos amenizarán a tarde do sábado con música tradicional galega.