[12-12-2013] Un ano máis a Asociación Cultural San Xoanciño de Ames, coa colaboración do Concello de Ames, montou o seu tradicional nacemento na capela de San Xoán de Pousada. O nacemento, que estará exposto dende o 14 de decembro ata o 11 de xaneiro, será presentado á veciñanza de Ames nun acto que se celebrará este sábado 14 de decembro, ás 16:30 horas, ao que está convidada toda a veciñanza amiense. Este nacemento está composto por figuras de gran antigüidade xa que teñen máis de 100 anos. O nacemento poderá visitarse os días 14, 15, 21, 22, 28, 29 de decembro e os días 4, 5 e 11 de xaneiro, en horario de 16:00 h a 18:00 horas.
A capela de San Xoán de Pousada acolle novamente un nacemento de Nadal. A Asociación Cultural San Xoanciño de Ames leva varios anos mantendo esta tradición que antigamente e durante moitos anos realizaron os propios veciños da parroquia. Este sábado, 14 de decembro, realizarase a inauguración oficial deste Belén, que se poderá visitar ata o vindeiro 11 de xaneiro. O acto de inauguración comezará ás 16:30 horas cunha misa cantada na que actuarán as corais de Ames e Piñeiro. Despois do acto litúrxico actuará o grupo de padereteiras As Maianas.
As figuras deste nacemento teñen máis de cen anos de antigüidade, e tiveron que ser restauradas hai varios anos para evitar o seu deterioro, malia ter un bo nivel de conservación. Durante o ano permanecen gardadas na propia capela que data do ano 1607. O nacemento ten arredor de 100 figuras. As figuras máis antigas son as dos Reis Magos e as que están dentro do portal de Belén (a virxe María, San Xosé, o neno Xesús...). Nunha homenaxe aos lugares da zona, hai unha ponte romana como a de Augapesada, muíños como os de Pousada e o curso do río que se asemella ao Val da Maía.
Novidades na montaxe do nacemento
Este ano hai varias novidades na montaxe do nacemento. Por unha banda, o Belén está montado en varias alturas para unha mellor disposición dos diferentes elementos que compoñen este nacemento. Ademais, nesta ocasión incluíronse varias peza novas como un vendedor e unha vendedora de castañas. Tamén hai máis zonas verdes e hortas. Así mesmo, dende a propia Asociación Cultural San Xoanciño indican que existen varias sorpresas, pero para coñecelas haberá que acudir en persoa a ver este Belén.
O nacemento poderá visitarse os días 14, 15, 21, 22, 28, 29 de decembro e os días 4, 5 e 11 de xaneiro, en horario de 16:00 h a 18:00 horas. Aquelas persoas que non poidan asistir estes días e queiran ver o nacemento, teñen que chamar ao número de teléfono 649 101 514 para concertar un día e unha hora de visita determinado co fin de que a capela estea aberta.
Dende a Asociación Cultural San Xoanciño de Ames animan a toda a veciñanza amiense a que pasen pola Capela de San Xoán de Pousada para ver o Belén máis grande e antigo que se organiza no termo municipal de Ames. Ademais agradecen a colaboración do Concello de Ames por organizar o acto deste sábado a través do cal se pretende dar a coñecer este nacemento a toda a veciñanza amiense.

Contido relacionado

El Correo Gallego: "Este sábado inaugúrase o Belén de San Xoanciño de Pousada"




