[08-10-2013] As familias con bebés e nenos/as de ata 6 anos poden participar no Encontro dos Axóuxeres este sábado 12 de outubro, ás 18:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Esta é unha actividade organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para os concellos da Rede de Dinamización Lingüística, na que se oferta un espectáculo de música e palabras, co obxectivo de promover a transmisión interxeracional da lingua galega. A entrada é de balde pero precísase inscrición previa. As inscricións poderán realizarse a partir do luns 7 de outubro, entre as 10:00 e as 14:00 horas, chamando ao número de teléfono 610 641 570. O aforo máximo é de 100 persoas. Cada cativo/a deberá ir acompañado dun adulto. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar o dossier do programa Axóuxeres 2013.
Reserva de entradas
A entrada é de balde pero precísase inscrición previa. As inscricións poderán realizarse a partir do luns 7 de outubro, entre as 10:00 e as 14:00 horas, chamando ao número de teléfono 610 641 570. O aforo máximo é de 100 persoas. Cada cativo/a deberá ir acompañado dun adulto. Para obter máis información pódese chamar por teléfono ao Servizo de Normalización Lingüística nos números de teléfono 981 884 991 / 662 377 215. Tamén se pode entrar na páxina web www.xunta.es/linguagalega/os_axouxeres_2013 e e nas redes sociais: www.facebook.com/axouxeres – www.twiter.com/OsAxouxeres.
As familias con bebés e nenos/as de ata 6 anos poden achegarse este sábado 12 de outubro, ás 18:30 horas, ata a Casa da Cultura de Bertamiráns para gozar dun dos Encontros teatrais, que está encadrado dentro do programa Axóuxeres 2013. Este programa está organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames.
Trátase dun espectáculo, que está producido por Caramuxo Teatro, cunha duración aproximada de 35 minutos. Na obra cóntanse historias adaptadas aos mais pequenos, mesturadas con apoio musical e con cancións especificamente creadas para a montaxe que implican directamente a participación das familias. A través da palabra e da música ofréceselle aos cativos/as un espazo onde gozar xunto coas súas familias e abrirse ao descubrimento do mundo en galego.
O punto de partida é o descubrimento do mundo que rodea aos nenos/as, tan característico da idade máis temperá. A partir da curiosidade por saber o que hai dentro dunha casa, e empregando o elemento sorpresa, fálase dos cambios que vivimos a diario na nosa vida e no noso contorno. Estes preséntanse como elementos positivos no desenvolvemento das persoas e das relacións entre elas. Preguntarse quen será ese novo veciño que é diferente a min e descubrir o seu mundo pode ser unha canle a novas experiencias e novas aprendizaxes de vida.
Os obxectivos desta actividade son promover o emprego da lingua galega nas idades mais temperás, asociándoo a un contexto lúdico e atractivo; aprender a través do teatro e da música novas palabras para denominar en galego o mundo que nos rodea; estimular a capacidade creativa en galego dos nenos e nenas; buscar a implicación das familias dentro da aprendizaxe global dos nenos/as; estimular a capacidade de atención a través do desenvolvemento dos sentidos (auditivo, visual, tacto…); e crear a necesidade de que a arte en xeral forme parte da vidas dos nenos a das persoas.




