Pestanas principais

Este sábado, 10 de marzo, o Pazo da Peregrina acollerá o VII Congreso de médicos do ring

Xoves, 08 de marzo de 2018

[08-03-2018] Ames acollerá este sábado, 10 de marzo, a sétima edición do Congreso de médicos do ring. Será en xornada de mañá e tarde, dará comezo ás 9:30 horas e nel participarán 8 prestixiosos médicos que falarán de diversas cuestións relacionadas co mundo do boxeo. O congreso está organizado pola Federación galega de boxeo e o Club amesá Abuelo Box e colabora o Concello de Ames e maila Asociación Galega de Medicina Deportiva (AGAMEDE). A asistencia é libre e gratuíta.

O VII Congreso de médicos do ring dará inicio ás 09:30 horas cunha pequena presentación. De seguido, ás 09:45h, o presidente da comisión médica da Federación Española de Boxeo da Coruña, Alejandro Mejuto García, abordará nunha palestra o KO no boxeo. Posteriormente, ás 10:30 horas, os árbitros da Federación Galega de Boxeo, Francisco Javier Vázquez García e José Manuel Vilas Carrillo, analizarán os principios arbitrais no boxeo amateur da Asociación Internacional de Boxeo (AIBA).

Ás 11:15h realizarase unha pausa de 15 minutos, á que seguirá unha charla sobre nutrición deportiva. A palestra correrá a cargo do traumatólogo e médico da Federación Galega de Boxeo, Javier Pombo Prieto. Despois, ás 12:15 horas terá lugar a conferencia Realidade da violencia de xénero da man do xuíz titular do Xulgado de Violencia de Xénero da Coruña, Miguel Filgueira Bouza.

A programación da tarde dará comezo ás 16:15 horas, cunha charla sobre primeiros auxilios centrada na manobra RCP e no uso de desfribiladores. A conferencia será impartida pola médica da Federación Galega de Boxeo de Vigo, Melissandra Rubio Fernández. O tamén médico da Federación Galega de Boxeo e traumatólogo, Enrique Antelo Yebra, dará unha conferencia, ás 17:15 horas, sobre recoñecemento médico, enfocada á identificación das persoas non aptas para a práctica do boxeo.

A pausa da tarde producirase ás 18:00 horas. Ás 18:15h, o licenciado en Ciencias do Deporte e Educación Física, Miguel Casanova Miralles, ofrecerá unha charla acerca da prevención e rehabilitación de lesións. A última das intervención da tarde será a do traumatólogo e médico da Federación Galega de Boxeo, Ricardo de Casas Puig. Despois esta última actividade, darase paso á clausura do congreso.

O VII Congreso de médicos do ring celebrarase este sábado, 10 de marzo, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. A iniciativa está dirixida a profesionais e estudantes de Medicina, Enfermería, Fisioterapia e Ciencias da Actividade Física e do Deporte, así como a adestradores, preparadores físicos, masaxistas deportivos e ás propias e propios deportistas. A asistencia será libre e gratuíta. O congreso está organizado pola Federación Galega de Boxeo e polo Club amesá Abuelo Box, en colaboración co Concello de Ames e coa Asociación Galega de Medicina Deportiva (AGAMEDE).



Contido relacionado


Compostela 24 Horas: "El Pazo da Peregrina alberga este sábado el congreso de Médicos del Ring"