Pestanas principais

Este sábado, 10 de maio, o Concello de Ames celebra o Día do Libro coa iniciativa Literatura na praza

Xoves, 08 de maio de 2014

[08-05-2014] O Concello de Ames preparou un amplo programa de actividades para conmemorar o Día do libro. A iniciativa “Literatura na praza” desenvolverase entre as 17:00 h e as 20:30 horas na praza do Concello e na súa contorna. Este programa recolle diferentes obradoiros, contacontos para todos os públicos e a presentación dos traballos premiados no X Certame Literario Concello de Ames. Ademais, tralo éxito do ano pasado volverase a realizar unha solta de libros pola praza do Concello e arredores, montarase un posto de intercambio de libros e un recuncho para a lectura. Nesta edición, como novidade, haberá teatro infantil coa representación da peza “Os tres porquiños”. As librarías Lenda, Nenos e Nais e Follas Novas encherán a praza cos seus libros e ofrecerán un desconto do 10% sobre o prezo habitual.

O Concello de Ames xa ten pechada a programación de actividades que se organizarán o vindeiro sábado, 10 de maio, con motivo da conmemoración do Día do Libro. A Concellaría de Cultura deseñou unha programación especial para todos os públicos. Fuxindo da habitual organización dos actos en espazos pechados, a conmemoración do Día do Libro en Ames será na rúa, ao aire libre, de xeito que poida ter un maior dinamismo e proximidade á cidadanía. Aínda que a predición meteorolóxica apunta que vai facer bo tempo, haberá varias carpas instaladas na praza do Concello, onde se desenvolverán as diferentes actividades que están incluídas neste programa.

A programación para conmemorar o Día do Libro desenvolverase entre as 17:00 h e as 20:30 horas aproximadamente. A praza do Concello en Bertamiráns acollerá unha feira de exposición e venda de libros. Este día suporá unha boa oportunidade para darlle á literatura a importancia que merece nas nosas vidas ofrecéndolle un oco do noso tempo, pois no mesmo lugar no que se desenvolve este acto, as librarías amienses e da contorna exporán os seus libros e poranos á venda. As librarías Lenda (Bertamiráns), Nenos e Nais (O Milladoiro) e Follas Novas (Santiago de Compostela) ofrecerá un desconto do 10% sobre o prezo en libraría.

Solta de libros polos arredores da praza do Concello 
Esta edición de Literatura na Praza conta con un amplo número de actividades permanentes que se desenvolverán ao longo de toda a tarde. Deste xeito, haberá un posto para intercambiar libros. Todos os veciños e veciñas que o desexen poderán levar os seus libros para intercambialos por outros que non leron. Para facer este intercambio habilitarase un posto específico. Ademais, volverase repetir a iniciativa da solta de libros, que se puxo en marcha por primeira vez o ano pasado. O persoal do departamento de Cultura repartirá diferentes libros polos arredores da praza do Concello. As persoas que atopen estes libros poderán levalos para as súas casas.

Outra das actividades que se ofrece este ano será o Recanto da lectura, que poñen en marcha as bibliotecas municipais. Neste posto haberá fondos da biblioteca municipal centrados en varias temáticas e autores. Deste xeito, a veciñanza poderá gozar da literatura de autores que este ano reciben algún recoñecemento especial. Tamén haberá actividades para entreter os rapaces e rapazas, que poderán participar no obradoiro de elaboración de marcapáxinas con material de refugallo, que organizan os departamentos de Medio Ambiente e Mocidade, e no obradoiro de encadernación, que impartirá o persoal das bibliotecas municipais.

Música, teatro infantil e contacontos
Ademais, haberá moita música, teatro infantil e sesións de contacontos para os nenos e nenas. Ás 17:00 horas comezará a animación con música tradicional da man do grupo de pandereteiras As Maianas. A esta mesma hora haberá contacontos infantís a cargo da Asociación cultural O Esquío no Piñeiro. Esta actividade estará aberta a todos os públicos.

Nesta edición, como novidade, haberá teatro infantil coa representación, ás 18:00 horas, da peza Os tres porquiños, da man da compañía Educa Teatro producións. Esta actividade tamén estará aberta a todos os públicos. A esta mesma hora na haima dos contos da praza do Concello desenvolverase a presentación do libro que recompila as obras dos gañadores e gañadoras do X Certame Literario Concello de Ames.

Por outra banda, ás 19:00 horas haberá contacontos infantís a cargo de Carla Capeáns, que relatará a “Historia dunha pinga de auga”. Para pechar esta festa do libro con música, ás 20:00 horas, actuarán os membros do grupo de música tradicional Os Castros.