Pestanas principais

Este pasado martes, 13 de xuño, cumpríronse dous anos da investidura como alcalde de José Miñones

Sábado, 17 de xuño de 2017

[17-06-2017] Esta semana cumpríronse dous anos da toma de posesión como alcalde de José Miñones. O acordo de investidura, acordado coas forzas de esquerda, comprendeu 21 compromisos para levar a cabo durante o actual mandato. Dous anos despois de dita investidura, cumpríronse a meirande parte dos acordos, entre os que se atopaba a aprobación duns novos orzamentos, a elaboración do regulamento de organización, tan demandado dende a oposición ao anterior goberno do Partido Popular, os trámites para a apertura do cemiterio municipal que está a piques de ser rematado, a posta en marcha dos consellos municipais educativo e deportivo, o reforzo da atención veciñal e a aposta pola transparencia, entre outros moitos.

Outros acordos acadados nestes dous anos de mandato, grazas ao goberno formado por catro concelleiros/as do PSdeG-PSOE, tres de Contigo Pódese e dous do BNG, foron a renegociación da débeda, con importantes rebaixas, e o estudio de necesidades educativas que permitiu poñer en marcha parte dos investimentos xa nestes dous anos.

O alcalde de Ames, José Miñones, destaca “non cabe dúbida que un dos éxitos maiores foi o alcanzado no primeiro mes e que permitiu conformar un goberno de tres forzas, que dous anos despois está a amosar o seu acerto conseguindo unha estabilidade que necesitaba o noso Concello despois de anos de escándalos continuos. O tripartito foi quen de sacar adiante en dous anos proxectos enquistados de décadas nalgúns dos casos”.

Dende a investidura de Miñones o traballo centrouse en desbloquear a situación de catro grandes temas como foron o centro de saúde do Milladoiro (esta mesma semana a Xunta de Goberno Local aprobaba a concesión de licenza de obra para a construción do novo ambulatorio); a posta en marcha do cemiterio municipal (están a piques de ser recepcionadas as obras de reparación e acondicionamento do cemiterio municipal dos Batáns); a aprobación duns novos orzamentos municipais (que foron aprobados de xeito definitivo no pasado pleno ordinario do mes de maio) e a actualización da Relación de Postos de Traballo (que foi aprobada no pleno ordinario do pasado mes de decembro).

O rexedor municipal indica que “cada un destes asuntos levaban anos e anos quedando goberno tras goberno e de aí que a xestión se priorizase nos mesmos. Dous anos despois cada un dos mesmos conta cunha xestión e resolución, que nalgúns casos deberá continuarse no tempo. A recente aprobación da licenza de obra no centro de saúde, o remate das obras do cemiterio, a aprobación dos orzamentos 2017 e a revisión e aprobación dunha primeira fase da RPT, que levaba 10 anos parada, son algúns dos éxitos logrados por este goberno”.

Proxectos a realizar nos dous próximo anos
O alcalde sabe que aínda quedan dous anos por diante, e está seguro que amosarán a xestión realizada neste período de preparación e execución, con múltiples obras e plans postos en marcha ao longo destes anos. Proxectos como a reurbanización da Travesía do Porto, a renovación de instalacións deportivas e equipamentos culturais, a aposta pola eficiencia enerxética ou o investimento do rural, son varios dos proxectos que agora mesmo comezan a ver a luz.

Asemade, Miñones destaca que “dende o primeiro minuto no discurso de investidura destaquei a necesidade de diálogo e entendemento, fito amosado non só para a conformación do goberno, senón tamén en múltiples acordos acadados coas forzas da corporación”. Naquel discurso Miñones xa fixo referencia á necesidade de compromiso e responsabilidade do goberno, pero tamén da oposición, o cal dous anos despois reitera no convencemento de que a partir dese traballo en positivo de uns e outros sempre gaña o Concello e a súa veciñanza, o cal debe ser o verdadeiramente importante para todas as forzas. De aí que, unha vez máis, solicítalle aos grupos da oposición que traballen en propostas positivas e reais e amosen o compromiso do cargo nas tomas de decisións, así como na busca do mellor para a veciñanza e non para os seus intereses partidistas.

Finalmente, agradece o traballo e confianza das compañeiras e compañeiros de partido e de grupo no día a día, así como o dos socios de goberno de Contigo Pódese e BNG, cos que está convencido que rematará o mandato destes dous anos que quedan por diante, sen espectáculos e con estabilidade. Agradeceu tamén o día a día do persoal municipal co que espera acadar moitos máis acordos neste período que queda por diante.