Pestanas principais

Este mércores volven os Espazos para Reflexionar cunha nova sesión centrada na adolescencia

Martes, 15 de xaneiro de 2019

[15-01-2019] Tralo éxito do Espazos para reflexionar realizado o pasado novembro sobre adolescencia e sexualidade, o salón de actos do IES do Milladoiro acolle a partir das 17.30h unha segunda entrega sobre este tema, que tamén será conducida pola pedagoga e traballadora de servizos sociais do Concello de Noia, Yolanda Gómez Bombín. O proxecto de Espazos para Reflexionar, que naceu o curso anterior da man da ANPA Milla en colaboración co instituto do Milladoiro, abarca este ano a toda a comunidade educativa da localidade, ao contar coa implicación das ANPAS das escola infantil A Galiña Azul Figueiras – Ames, da escola infantil municipal A Madalena, da EEI Millapeques e da ANPA As Brañas do CEP de Ventín.

Este mércores, 16 de xaneiro, celebrase unha segunda charla sobre a adolescencia, dirixida pola pedagoga e traballadora de servizos sociais do Concello de Noia, Yolanda Gómez Bombín, dentro do programa Espazos para reflexionar. Nesta ocasión, o espazo estará enfocado na adolescencia e na importancia de decodificar as necesidades dos mozos/as que se atopan nesta etapa, potenciando a súa autonomía. Así, se ven Yolanda Gómez xa tratou este tema nunha primeira charla celebrada en novembro sobre como a sexualidade forma parte do proceso de construción do ser humano e da persoa, nesta ocasión tentarase afondar incluso máis nesta etapa. Asemade, trataranse varias visións e ferramentas para entender como afecta o acceso ao sexual dos xoves, tanto de maneira física como virtual.

Ao igual que en anteriores charlas, o obxectivo será que as propias familias compartan as súas experiencias, expectativas e ideas para concluír aprender xuntos a mellor forma de achegar este tema ás e aos adolescentes. Os Espazos están dirixidos principalmente a nais e pais, avoas e avós ou persoas que queiran ter fillas e fillos.

Unha iniciativa apoiada por toda a comunidade educativa do Milladoiro  Os Espazos para reflexionar naceron o pasado curso da man da ANPA Milla en colaboración co IES do Milladoiro. Na actualidade, o proxecto conta coa implicación de toda a comunidade educativa da localidade, ao contar coa participación das ANPAS da escola infantil A Galiña Azul Figueiras – Ames, da EIM A Madalena, da EEI Millapeques e da ANPA As Brañas do CEP de Ventín.

O obxectivo deste proxecto é tentar dar resposta a determinados aspectos educativos vinculados ao significado de medrar hoxe en día, á imposición dos límites desde a autoridade ou aos procesos de mudanza durante a adolescencia. Deseñados como charlas-obradoiros, os Espazos están baseados na presentación de casos prácticos e na reflexión en común sobre os mesmos, a través de dinámicas de grupos que tornan as sesións prácticas e amenas.



Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Volven os Espazos para Reflexionar cunha nova sesión centrada na adolescencia"