Pestanas principais

Este mércores remata o prazo para inscribirse na XIX Carreira Pedestre Popular do Concello de Ames

Luns, 15 de outubro de 2018

[15-10-2018] O vindeiro domingo, 21 de outubro, celébrase en Bertamiráns a XIX Carreira Pedestre Popular do Concello de Ames. A proba constará dun circuíto de 10 quilómetros homologado pola Real Federación Española de Atletismo no pasado ano 2016, cun percorrido dende os 200 metros ata os 10 quilómetros, e un total de 18 categorías. O prazo de inscrición para participar na carreira remata este mércores, 17 de outubro, ás 23.59 horas, e pode realizarse a través da ligazón http://emesports.es/event/xix-carreira-pedestre-popular-concello-de-ames/ ou de xeito presencial na tenda deportiva, Deportes Amesport de Bertamiráns. Non se admitirán inscricións fóra do prazo establecido nin se admitirán inscricións o día da carreira.

O Concello volverá a ofrecerlle aos corredores e corredoras a posibilidade de recibir atención física ao rematar a proba. Os/as deportistas que o precisen poderán recibir sesións de fisioterapia para recuperarse do esforzo feito. En anos anteriores, este servizo, foi moi ben valorado. Do mesmo xeito, este ano os máis pequenos tamén terán a oportunidade de gozar dun inchable, que se instalará nun dos laterais da praza do Concello e que animará a festa deportiva.
Na carreira popular poderán participar todas aquelas persoas que o desexen, con ou sen licenza federativa. O control da carreira estará a cargo do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo. As inscricións poderanse facer ata á media noite do día 17 de outubro a través da seguinte ligazón: http://emesports.es/event/xix-carreira-pedestre-popular-concello-de-ames/. Tamén se poderá realizar de xeito presencial na tenda deportiva, Deportes Amesport, situada na avenida da Maía, número 83, en Bertamiráns. Non se admitirán inscricións fóra do prazo establecido nin se admitirán inscricións o día da carreira.

As persoas que desexen participar na proba absoluta (de júnior a veterano) terán que aboar unha cota de 6 euros. O pagamento da inscrición poderá realizarse pola pasarela da propia páxina web de Emesports. A inscrición para as categorías escolares (de pitufo a xuvenil) é gratuíta. Calquera dúbida que teñen no proceso de inscrición dos adultos poderán resolvela chamando ao número de teléfono 886 153 589 ou enviando un correo electrónico á dirección info@emesports.es.

Os dorsais retiraranse na secretaría da organización situada na Casa do Concello o día anterior á carreira (sábado, 20 de outubro) en horario das 17:00 ás 20:00 horas ou no mesmo día da carreira ata media hora antes da proba correspondente. Para non gardar colas recoméndase recoller o dorsal o día anterior no lugar establecido. Os participantes deberán ademais colocarse na zona de saída 10 minutos antes do comezo de cada proba.
Os corredores da proba absoluta e da categoría xuvenil tomarán a saída ás 10:30 horas da mañá dende a rúa Alcalde Lorenzo. Ás 12:00 horas está previsto que comecen as probas da categoría pitufo (nados no ano 2014 e posteriores), que correrán unha distancia de 200 metros. A esta seguiranlle os grupos prebenxamíns (350 metros), benxamíns e alevíns (1.000 metros), infantís e cadetes (2.000 metros), é dicir, todos os nacidos entre os anos 2003 e 2013.

Recibirán trofeos os tres primeiros clasificados de cada categoría, masculinos e femininos e os tres primeiros absolutos masculino e feminino. Na proba absoluta recibirán trofeo os/as tres primeiros/as clasificados/as locais empadroados/as no Concello de Ames. Este ano, como novidade, e por primeira vez na historia da carreira, tamén recibirán trofeo os tres primeiros clubs da carreira absoluta. Por último, ao igual que nos últimos anos, os mais pequenos recibirán a súa medalla de chocolate como recoñecemento do esforzo realizado.
O Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo organizan o vindeiro domingo, 21 de outubro, a décimo novena edición da carreira pedestre do Concello de Ames. A proba, que este ano está apadriñada polo atleta Pedro Nimo e xa conta con máis de 619 inscritos, pertence ao VI Circuíto de carreiras populares da Deputación da Coruña. Nesta iniciativa tamén colaboran outras entidades como a Deputación da Coruña, a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, a cafetería Don Budi, Gadis, Serviplus, Los Angeles Gas, GST Telecomunicacións e Banco Sabadell.

A saída e chegada de cada proba farase na rúa Alcalde Lorenzo de Bertamiráns, tal como se veu realizando nas dúas últimas edicións, unha vez que se decidiu trasladar a proba desde o entorno do Pazo da Peregrina ao centro do núcleo urbano para así facer mais partícipe á veciñanza. O circuíto da proba absoluta estará debidamente sinalizado e contará con indicacións en cada quilómetro, ademais de estar homologado na distancia de 10 km pola Real Federación Española de Atletismo, obxectivo acadado hai dous anos coa coincidencia da proba do Campionato Galego de 10km. Para a organización deste evento cóntase coa colaboración dos clubs de atletismo do concello (Millaraio, Sar e Bertamiráns) e ademais colaborará o club ciclista Os Esfola Arrós e maila Agrupación de Protección Civil de Ames.

Contido relacionado


Compostela 24 Horas: "Este mércores remata o prazo de inscrición na XIX Carreira Pedestre Popular do Concello de Ames"