Pestanas principais

Este mércores impártese un charla sobre a prevención de demencias que se enmarca dentro do programa Amessan

Luns, 21 de maio de 2018

[21-05-2018] A Concellaría de Voluntariado e Benestar Social organizou para os vindeiros meses unha serie de cinco charlas dirixidas a persoas maiores de 60 anos. Cada unha destas conferencias abordará un tema diferente: alimentación saudable, prevención de demencias, sexualidade na idade adulta, prevención de estafas e roubos e recursos para persoas que viven soas. Estas charlas enmárcanse dentro do programa municipal de envellecemento activo Amessan. Este mércores, 23 de maio, impartirase a segunda charla deste programa que tratará sobre a prevención de demencias e, en concreto, do alzhéimer. Será na Casa da Cultura de Bertamiráns, de 18:00 a 19:30 horas.


Como novidade deste 2018, a Concellaría de Voluntariado e Benestar Social organizou un conxunto de charlas que abordan algúns dos temas de maior interese para as persoas maiores de 60 anos. Estas charlas informativas son impartidas por Graciela Rivas, traballadora social e técnica superior en animación sociocultural, especializada en xerontoloxía e atención á terceira idade. Para asistir non será preciso inscribirse previamente. As charlas adoptarán a forma de obradoiros dinámicos, nos que o intercambio de información será o eixo fundamental na adquisición dos novos coñecementos.

A primeira destas conferencias-obradoiro realizouse o pasado 8 de maio na Casa da Cultura do Milladoiro e estivo centrada na importancia dunha alimentación saudable. Este mércores, 23 de maio, impartirase a segunda charla, que neste caso tratará sobre a prevención de demencias e, en concreto, do alzhéimer. Realizarase na Casa da Cultura de Bertamiráns, de 18:00 a 19:30 horas. A conferencia estará enfocada a desmentir algúns dos mitos que hai sobre esta enfermidade e informar sobre cales son os primeiros síntomas para non confundir con outras enfermidades. Ademais, unha persoa contará a súa experiencia como coidadora dun/dunha enfermo/a de alzhéimer.

Outras charlas que se impartiran nos meses de maio e xuño
A sexualidade na idade adulta é o tema escollido para a terceira das sesións, que se celebrará o 29 de maio na Casa da Cultura do Milladoiro. Esta sesión estará centrada nos acontecementos máis relevantes neste eido, traballando aspectos como as doenzas e os medicamentos que afectan a esta parte de vida, así como os cambios físicos, os mitos e os métodos e tratamentos que existen á hora de combater determinadas problemáticas.

A cuarta das conferencias abordará a prevención de estafas e roubos. Esta conferencia realizarase o 4 de xuño, en horario de 17:00h a 18:30 horas, no local social de Trasmonte. Nesta ocasión, a charla será impartida por axentes das forzas de seguridade e por un técnico da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), entidade coa que o Concello de Ames ten asinado un convenio para o asesoramento da cidadanía nesta materia. As persoas asistentes recibirán este día información relativa a este tipo de delitos.

Por último, a quinta das conferencias tentará ofrecer diferentes recursos orientados ás persoas que viven soas, co obxectivo de que estas poidan manter un bo nivel de autonomía física, funcional e cognitiva. Esta charla terá lugar o 14 de xuño na Casa da Cultura de Bertamiráns, no horario habitual.

Contido relacionado


Lindeiros: "Charla en Ames sobre a prevención de demencias"
Compostela 24 horas: "Charla sobre os mitos do Alzhéimer en Ames"