[05-09-2016] O club amesán feminino de fútbol sala Meigas abre as portas dos seus adestramentos a partir deste mércores, 7 de setembro. Ademais o club será o responsable este curso 2016/2017 da Escola deportiva de fútbol sala feminino, tanto en Bertamiráns como no Milladoiro. O prazo de inscrición para as escolas deportivas permanecerá aberto ata o martes 13 de setembro.
Entre os días 7 e 30 de setembro o FC Meigas ofrece unhas xornadas de portas abertas, adestramentos nos que as rapazas interesadas no fútbol sala están convidadas a participar. Os mércores estes adestramentos terán lugar no pavillón polideportivo municipal do Milladoiro e os venres no de Bertamiráns. As rapazas nadas entre o 2005 e o 2010 adestrarán de 18:30 a 19:30 horas o mércores e de 18:00 a 19:00 horas o venres; as nadas entre o 2001 e o 2004 de 19:30 a 20:30 horas o mércores e de 19:00 a 20:00 o venres; por último, as nadas antes do 2001 adestran o mércores de 20:00 a 21:30 horas e o venres de 19:30 a 21:00 horas.
Para poder participar nos adestramentos non é necesario inscribirse previamente. As participantes só teñen que acudir ao pavillón correspondente e comunicalo a calquera dos membros do corpo técnico do FC Meigas que esta presente alí.
Inscrición na Escola deportiva de fútbol sala feminino
Durante este curso escolar 2016/2017 o FC Meigas será o responsable de impartir os adestramentos da Escola deportiva de fútbol sala feminino. O prazo de inscrición ou renovación de praza na actividade permanecerá aberto ata o martes 13 de setembro. A concellaría de Deportes oferta 25 prazas por cada un dos grupos de idade, sendo tres grupos en total. Os grupos 1 e 2, formados por rapazas nadas entre o 2008 e o 2010 e entre 2005 e o 2007, adestrarán os mércores no pavillón polideportivo municipal do Milladoiro, ás 18:30 horas, ou os venres no pavillón de Bertamiráns, ás 18:00 horas. O grupo 3, para rapazas nadas entre o 2001 e o 2004 adestrará os mércores, ás 19:30 horas no Milladoiro, e os venres ás 19:00 horas en Bertamiráns.
Para máis información sobre a inscrición nas Escolas deportivas e a documentación a presentar pódese consultar a nova completa ao respecto na páxina web municipal. Para máis información acerca da actividade de fútbol sala feminino pódese consultar co persoal do CF Meigas chamando ao teléfono 670 518 120 ou enviando un correo electrónico ao enderezo fcmeigas@gmail.com.