A Concellaría de Servizos Sociais e Igualdade de Ames organiza para os meses de marzo, abril e maio unha serie de talleres dirixidos a mulleres amesás centrados na adquisición de capacidades e habilidades socioemocionais que favorezan o seu crecemento persoal. O programa, que está formado por un total de oito obradoiros, comeza mañá na Casa da Cultura de Bertamiráns a partir das 18.00h, onde se impartirá un taller de autocoidado. Para participar nas actividades deste ciclo non é necesaria inscrición previa.
O Centro de Información da Muller (CIM) e a Concellaría de Servizos Sociais e Igualdade de Ames poñen en marcha mañá unha serie de obradoiros destinados ao emponderamento das mulleres amesas. Así, o ciclo consta dun total de oito talleres que se irán alternando os mércores na Casa da Cultura de Bertamiráns, en horario de 18.00 a 20.00h, e os xoves no Pazo da Peregrina das 17.00 ás 19.00h.
O primeiro deles xirará en torno ao autocoidado, e terá lugar mañá mércores, 27 de marzo, na Casa da Cultura de Bertamiráns. O seguinte obradoiro realizarase no Pazo da Peregrina o vindeiro xoves, 4 de abril, centrado na corporalidade e a atención plena, mentres que o do día 10 xirará en torno á disciplina positiva e será impartido na Casa da Cultura. O taller do último xoves de abril, pola súa banda, impartirase a sesión Faite entender: comunicación interpersoal.
Durante o mes de maio celebraranse catro obradoiros, o primeiro dos cales levará por título Alimentar o teu cerebro: nutrición e benestar, que se realizará o xoves 9 no Pazo da Peregrina. A continuación, o mércores 15 realizarase unha sesión que versará sobre o mindfulness. Os dous últimos talleres do programa xirarán en torno ao coaching e a toma de decisións, o 23 de maio, e á xestión de conflitos, o mércores 29.
Luisa Feijóo, concelleira de Sanidade, Servizos Socias e Igualdade de Ames, explica que, dende a Concellería “cremos que é de vital importancia potenciar e posibilitar espazos para a reflexión e a toma conciencia, creando un proceso de emponderamento individual e grupal, a través do recoñecemento da experiencia e voz propia. Por tanto, é necesario traballar cas mulleres para dotalas de voz e de visibilidade a través de procesos de toma de conciencia e de construción colectiva, empoderándose, tanto individual como grupal e socialmente".
Asemade, a edil adirma que "este tipo de iniciativas impulsan ás mulleres a que se visibilicen como axentes de cambio mediante a creación de espazos onde darlle visibilidade as súas experiencias, voces, necesidades, propostas e desexos. O noso obxectivo é traballar, sensibilizar, potenciar, xerar procesos reflexivos e dotar de habilidades e compentencias socioemocionais e participativas as mulleres, potenciando as “cidadás” activas que podemos ser a través de diferentes obradoiros”.
Así, o emponderamento consiste en que unha persoa adquira autoridade, influencia ou coñecemento para facer algo. Nun contexto no que as mulleres aínda sofren desigualdades en ámbitos como o laboral, o social ou o persoal, como son o teito de cristal ou a fenda salarial, convertese en esencial facilitarlles todas as ferramentas necesarias para o seu empoderamento, o que supón un paso máis cara a igualdade.
Así, unha muller emponderada é aquela que se coñece a si mesma, que vive a súa feminidade con liberdade, que rompeu as súas barreiras internas e conectou ca súa verdadeira esencia. Todo isto permitelle ter o control sobre a súa propia vida, alcanzar as súas metas, tomar decisións, manter relacións saudables, establecer límites firmes ante calquera tipo de desigualdade.






