Pestanas principais

Este mércores, 8 de decembro, celébrase na praza do Concello, en Bertamiráns, o acto de acendido das luces de Nadal

Martes, 07 de decembro de 2021

Este mércores, 8 de decembro, ás 18.30 horas, na praza do Concello, está previsto que se celebre o acto de acendido das luces de Nadal. Actuará o coro da Escola Municipal de Música de Ames e durante unha hora haberá unha degustación gratuíta de chocolate con churros. Este ano a iluminación de Nadal estará composta por máis de 100 arcos de luces e 4 grandes elementos decorativos (en Bertamiráns haberá unha “A” de Ames na praza do Concello; e un motivo luminoso co número 2022 na praza da Maía; mentres que no Milladoiro colocarase unha árbore artificial iluminada na praza de Manuel Murguía; e unha bola xigante na praza da Madalena). Tamén se instalará unha manta de luces que cubrirá unha parte da rúa de Anxeriz, no Milladoiro.

O acto inaugural do Nadal en Ames será o xa tradicional acendido do alumeado, que terá lugar mañá, 8 de decembro, ás 18:30 horas na praza do Concello, en Bertamiráns. Durante a tarde, a veciñanza gozará da actuación musical do coro da Escola Municipal de Música de Ames e durante unha hora farase unha degustación gratuíta de chocolate con churros. As luces manteranse acendidas ata o día 6 de xaneiro (incluído).

As rúas que disporán de decoración son aquelas que concentran un maior número de paseantes, tanto no Milladoiro como en Bertamiráns. As prazas, os farois e as fachadas dos principais edificios municipais engalanaranse tamén para as festas. Así mesmo, as persoas que visiten os principais núcleos urbanos serán recibidas e despedidas con mensaxes de Boas Festas, que se situarán nas entradas e saídas dos principais tramos municipais.

Este ano instalaranse máis de 100 arcos de luces. Haberá outros elementos decorativos en Bertamiráns (instalarase unha “A” de Ames na praza do Concello; e un motivo luminoso co número 2022 na praza da Maía) e no Milladoiro (unha árbore artificial iluminada na praza de Manuel Murguía; e unha bola xigante na praza da Madalena). Tamén se colocará unha manta de luces que cubrirá unha parte da rúa de Anxeriz, no Milladoiro.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, explica que “a programación de Nadal, que arranca esta semana e se prolongará ata principios de xaneiro, está cargada de actividades para encher de vida as rúas de Ames. Con esta programación de Nadal buscamos seguir dinamizando o comercio e a hostalaría local ao tempo que dinamizamos as rúas das dúas principais vilas, O Milladoiro e Bertamiráns, para favorecer un ambiente de Nadal e un consumo que habitualmente supón un aumento do 60% dos ingresos durante esta época”.

Programación de Nadal con Ames na Rúa
As primeiras actividades do programa “Nadal con Ames na Rúa” comezarán o 18 de decembro, cando se inicia o ciclo de obradoiros para todos os públicos. Cunhas 250 prazas repartidas entre 15 talleres para persoas adultas, nenos/as e familias, estes pequenos cursos impartiranse ata o 3 de xaneiro de 2022. O prazo de inscrición para estes obradoiros estará aberto ata o 14 de decembro, cumprimentando os impresos de inscrición para nenos/as e adultos e enviándoos ao correo electrónico promocioneconomica@concellodeames.gal.

Actividades para as máis pequenas e pequenos
Os días 23 e 24 de decembro, O Milladoiro e Bertamiráns recibirán as visitas de varios dos personaxes favoritos dos nenos e nenas. Por unha banda, un pasarrúas coas figuras de Bob Esponxa, Super Mario e o unicornio de Mickey Mouse estará nas dúas vilas en quendas de mañá e de tarde, percorrendo as rúas e sacando fotos de recordo coa veciñanza. O pasarrúas estará o día 23 en Bertamiráns e o 24 no Milladoiro, con percorridos das 11:00 ás 12:00 horas e das 16:30 ás 17:30 horas, e con paradas posteriores nos fotomatóns da praza da Maía e na praza Manuel Murguía, ata as 14:00 horas na quenda de mañá e ata as 19:30 horas na de tarde.

Por outra banda, e alternando días co pasarrúas, a casa de Papa Noel ocupará a Biblioteca municipal do Milladoiro o día 23 e o auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns o día 24. Os horarios para que os nenos e nenas poidan fotografarse serán de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas, respectando a orde de chegada.

Conciliación para fomentar o comercio local e a hostalaría
Do 4 de decembro ao 8 de xaneiro, e en determinadas datas nas que a conciliación é máis complicada, como fins de semana ou períodos de vacacións, as familias de Ames poderán deixar aos fillos/as nos locais de ocio Educalia, en Bertamiráns, e Planeta Máxico, no Milladoiro, para poder gozar da hostalaría local ou mercar nos establecementos amesáns.

Para usar este servizo, terase que presentar un tícket de compra de calquera importe dalgún comercio ou local hostaleiro do concello. As persoas adultas que participen nos obradoiros tamén poderán deixar aos nenos/as presentando a folla de inscrición. Poderase levar aos nenos e nenas aos locais polas mañás, de 11:00 a 13:00 horas, ou polas tardes, de 17:00 a 19:00 horas. Os días escollidos para estas actividades de conciliación son os sábados 4, 11 e 18, ademais do 22, 23 e 24 de decembro, só en horario de mañá. En ambas quendas, o servizo estará dispoñible do 27 ao 30 de decembro e os días 3, 4, 7 e 8 de xaneiro.

Ameson de Nadal e Prebadaladas
As últimas actividades do programa serán as actuacións do Ameson de Nadal, pensadas para as últimas semanas de decembro, e as Prebadaladas de Fin de ano, que volven por segundo ano á praza do Concello, en Bertamiráns, tras un ano de parón por mor da pandemia.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "El alumbrado lo invade casi todo"

El Correo Gallego: "Área activou o Nadal cun amplo abanico de actividades culturais"

Compostela 24 Horas: "Este mércores comeza o Nadal en Ames"

AMSGO!: "A intensa choiva non puido coas ganas de Nadal en Bertamiráns"

Na praza da Madalena, no Milladoiro, volverá a instalarse unha bola xigante