[05-02-2018] Este mércores, 7 de febreiro, volven ao IES do Milladoiro os Espazos para Reflexionar poñendo o foco no establecemento dos vínculos familiares. O proxecto, que naceu o curso anterior da man da ANPA Milla en colaboración co instituto do Milladoiro, abarca este ano a toda a comunidade educativa da localidade, ao contar coa implicación das ANPAS da escola infantil A Galiña Azul Figueiras - Ames, da escola infantil municipal A Madalena, da EEI Millapeques e da ANPA As Brañas do CEP de Ventín. O mércores, o Espazo desenvolverase, como vén sendo habitual, no salón de actos do IES do Milladoiro, en horario de 17:30h a 19:00 horas.
Os Espazos para Reflexionar foron creados para tentar dar resposta a determinados aspectos educativos como o significado de medrar hoxe en día, a imposición dos límites desde a autoridade ou os procesos de mudanza durante a adolescencia. O vindeiro mércores, 7 de febreiro, desenvolverase unha novo Espazo baixo o epígrafe “Establecendo vínculos”, que correrá a cargo da Xefa de Servizo do Centro de Saúde do Milladoiro, Madalena Seco.
Neste novo Espazo abordarase a importancia de establecer vínculos coas fillas e fillos desde a infancia, atendendo tamén ás dificultades que o mundo laboral marca á hora de conciliar a vida familiar e o traballo, imposibilitando, por veces, o enraizamento destes vínculos. Por este motivo, o Espazo do mércores tamén afondará nas diferentes maneiras de crear ou recuperar os vínculos cando as nenas e nenos chegan a etapa preadolescente ou á adolescencia.
A iniciativa naceu o pasado curso da man da ANPA Milla, en colaboración co IES do Milladoiro. O proxecto conta na actualidade coa implicación de toda a comunidade educativa da localidade, coa participación das ANPAS da escola infantil A Galiña Azul Figueiras – Ames, da EIM A Madalena, da EEI Millapeques e da ANPA As Brañas do CEP de Ventín. Deseñados como charlas-obradoiros, os Espazos están baseados na presentación de casos prácticos e na reflexión en común sobre os mesmos, a través de dinámicas de grupos que tornan as sesións prácticas e amenas.
O Concello de Ames apoia este tipo de iniciativas, que implican a construción de comunidade, ao tempo que se fomenta unha parentalidade positiva. Os Espazos están dirixidos a nais e pais, avoas e avós, persoas que queiran ter fillas e fillos fillos... Para asistir non é preciso inscribirse previamente.