[03-04-2018] Os Espazos para Reflexionar volven este mércores, 4 de abril, ao IES do Milladoiro. A actividade, que se celebrará no salón de actos do instituto entre as 17:00h e as 19:00 horas, abordará os conflitos no ámbito familiar. Os poñentes desta sesión serán Celia Blanco e Rogelio López, da empresa Mediatec. O proxecto, que naceu o curso anterior da man da ANPA Milla en colaboración co instituto do Milladoiro, abarca este ano a toda a comunidade educativa da localidade, ao contar coa implicación das ANPAS das escola infantil A Galiña Azul Figueiras – Ames, da escola infantil municipal A Madalena, da EEI Millapeques e da ANPA As Brañas do CEP de Ventín.

Os Espazos Para Reflexionar proseguen este mércores, 4 de abril, cunha sesión centrada nos conflitos familiares. Baixo o título “Toma partido”, a nova charla tentará dar resposta a situacións comúns de enfrontamento no período pre-adolescente e adolescente, que se reflicten en expresións como “na casa non me entenden”, “os meus pais non me escoitan” ou “no colexio non controlan ao meu fillo”.
Desta maneira, o Espazo programado para este mércores pretende ser un obradoiro orientado á resolución de conflitos familiares, no que se tratará de dotar ás persoas asistentes de ferramentas que tal vez xa coñecen, mais que non saben como empregar. Así, o obxectivo deste obradoiro será facilitar a comunicación no ámbito familiar, de maneira que as situacións conflitivas se resolvan dun xeito positivo. Así mesmo, tamén se abordará a mediación como un alternativa eficaz para a resolución de conflitos. Os poñentes da charla, que terá lugar no salón de actos do IES do Milladoiro entre as 17:00h e as 19:00 horas, serán Celia Blanco e Rogelio López, ambos da empresa Mediatec.
Unha iniciativa apoiada por toda a comunidade educativa do Milladoiro
Os Espazos para Reflexionar naceron o pasado curso da man da ANPA Milla en colaboración co IES do Milladoiro. Na actualidade, o proxecto conta coa implicación de toda a comunidade educativa da localidade, ao contar coa participación das ANPAS da escola infantil A Galiña Azul Figueiras – Ames, da EIM A Madalena, da EEI Millapeques e da ANPA As Brañas do CEP de Ventín.
O obxectivo deste proxecto é tentar dar resposta a determinados aspectos educativos vinculados ao significado de medrar hoxe en día, á imposición dos límites desde a autoridade ou aos procesos de mudanza durante a adolescencia. Deseñados como charlas-obradoiros, os Espazos están baseados na presentación de casos prácticos e na reflexión en común sobre os mesmos, a través de dinámicas de grupos que tornan as sesión prácticas e amenas.
O Concello de Ames apoia este tipo de iniciativas, que implican a construción de comunidade e o fomento dunha parentalidade positiva. Os Espazos están dirixidos a nais e pais, avoas e avós, persoas que queiran ter fillas e fillos... Para asistir non é preciso inscribirse previamente.





