Pestanas principais

Este mércores, 26 de maio, Suso de Toro presenta a obra Un señor elegante no Pazo da Peregrina

Martes, 25 de maio de 2021

O Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, acollerá este mércores, 26 de maio, ás 20:00 horas, a presentación de Un señor elegante, a última obra de Suso de Toro. Trátase dunha novela de aventuras publicada pola editorial Xerais. En dita presentación participarán o alcalde de Ames, Blas García, e maila concelleira de Cultura, Natividade González. Esta actividade enmárcase na programación das Letras Galegas e no ciclo de presentación de libros que organiza a Biblioteca municipal no Pazo da Peregrina.

As concellarías de Cultura e de Normalización Lingüística programaron para este mes de maio toda unha xeira de actividades encamiñadas a valorizar as nosas letras e dar a coñecer a Xela Arias, a poeta homenaxeada este ano. Unha das actividades que forman esta ampla programación, é a presentación da obra Un señor elegante, libro escrito por Suso de Toro.

A obra trata sobre a familia Baltar, que atesoura un sorprendente patrimonio cultural e humano. Atraído polo insólito perfil dalgún dos seus membros, o escritor Suso de Toro realiza unha indagación para reconstruír a historia dunha familia que, en distintos momentos, protexe a Rosalía de Castro e Murguía e logo á familia Castelao ou a Dieste.

Tras manexar materiais froito dun intenso traballo de documentación, Suso de Toro ofrécenos unha novela deslumbrante, que aglutina unha síntese persoal de novela río, histórica, psicolóxica e novela de ideas. É unha narración que chega do século XIX e atravesa o século XX galego, español e europeo. Unha historia radicalmente local e ao tempo europea. Un señor elegante é, sobre todo, unha novela de investigación: a persecución dunha figura descoñecida que se vai manifestando ata apoderarse de todo o libro e descubrirnos un personaxe comprometido co seu tempo, coa xente e co país.

Alguén dunha enorme dimensión ética. A figura de Baltar lémbranos, desde a penumbra, que ademais do aceptamento da derrota e da pura supervivencia dos vencidos, tamén houbo resistencia e disidencia. Esta é unha memorable novela de non ficción que demostra que existiu unha outra Galiza vital, alegre e afirmativa, moi distinta da que nos contaron.

Mes das Letras Galegas
Por outra banda, con motivo da celebración do mes das Letras Galegas, a exposición urbana “Xela Arias, desde nós en ti” está exposta ata o 31 de maio. Trátase dunha intervención nos escaparates de distintos establecementos de Bertamiráns e do Milladoiro, que amosan carteis, elaborados polo alumnado do IES de Bertamiráns, nos que se que recollen aspectos da vida, a obra e a época na que viviu a poeta sarriá.

Por último, este sábado, 29 de maio, ás 11:30, horas, na Biblioteca de Bertamiráns, terá lugar outro obradoiro “Creacontos, obradoiro de creación literaria”, a cargo de Andamiaxe. O prazo para inscribirse está aberto ata o 27 de maio.

Un señor elegante

Multimedia

  • Un señor elegante