Pestanas principais

Este mércores, 24 de febreiro, celébrase un pleno extraordinario e urxente para aprobar a Conta Xeral de 2019

Mércores, 24 de febreiro de 2021

A Corporación municipal deberá aprobar, se procede, a Conta Xeral de 2019, despois de que fose ditaminada favorablemente o pasado 15 de xaneiro pola Comisión Informativa Permanente de Economía e Facenda e Especial de Contas. Posteriormente, abriuse un período de exposición publica que finalizou este luns 22 de febreiro. Despois de finalizar todos os trámites de ditame e exposición pública a Conta Xeral debe ser aprobada polo pleno do Concello de Ames, e de seguido, renderase ante o Consello de Contas. Dentro da Conta Xeral a liquidación orzamentaria é a parte máis importante e na que ser reflicten a execución do orzamento de gastos, ingresos e o resultado orzamentario, así como outras magnitudes coma o remanente de tesourería e superávit. Preme nesta ligazón para descargar a convocatoria de dito pleno.

Cómpre lembrar que o Concello de Ames pechou o exercicio 2019 cun superávit de 1.270.000 euros e un remanente de tesourería de 9.250.000 euros, medrando ano tras ano as cifras de execución orzamentaria acadando a cifra de obrigas recoñecidas (gastos) os 23.130.000 euros e a cifra de dereitos recoñecidos netos (ingresos) de 24.520.000 euros, cun resultado orzamentario axustado de 2.400.000 euros, continuando o orzamento na senda de equilibrio, solvencia e estabilidade orzamentaria.

No tocante a liquidación do orzamento de gastos recóllense unhas obrigas recoñecidas netas, no exercicio 2019 de 23.130.000 euros, un 9,49% máis que as obrigas recoñecidas no 2018 que foron de 21.130.000 euros, o que supón un incremento en gastos de 2.000.000 euros. No que respecta á liquidación do orzamento de ingresos, os dereitos recoñecidos netos ascenden a 24.520.000 euros (no exercicio 2018 foron de 24.790.000 euros), diminuíndo preto en 270.000 euros (nun 1%) os ingresos ou dereitos recoñecidos netos respecto do ano anterior.

Estabilidade orzamentaria
Os datos da liquidación do exercicio de 2019 amosan que se continúa na senda do equilibrio orzamentario, xa que a cifra total de ingresos por operacións correntes foi de 23.070.000 euros euros. Unha cifra que é superior a cifra total de gasto corrente que ascendeu a 20.530.000 euros, sen débeda que amortizar durante dito ano, cunha diferencia de marxe de 2.540.000 euros. Todas estas magnitudes arroxan un resultado orzamentario axustado positivo de 2.400.000 euros e un superávit foi de 1.270.000 euros.

Outra das magnitudes máis importantes que hai que ter en conta é o remanente de tesourería (dispoñibilidades líquidas e dereitos pendentes de cobro/obrigas pendentes). Ao peche do exercicio 2019 o remanente de tesourería ascendeu á cantidade de 9.250.000 euros, cun incremento do 9,55% respecto do ano 2018 que era de 8.450.000 euros, sigue medrando a pesar de que en decembro de 2017 se amortizase a totalidade da débeda bancaria que existía a esa data, e que era de 2.774.350,42 euros.

Débeda do Concello de Ames
Durante o exercicio 2019 concertouse unha operación de débeda a longo prazo, para facer fronte ás achegas de fondos propios das actuacións programadas dentro do Plan Impulsa Ames, da EDUSI, por importe de 312.127,29 euros que sumados aos 222.895,50 euros concertados no 2018 para a mesma finalidade (EDUSI), fan un total de 535.022,79 euros, única débeda bancaria contraída a data do 31/12/2019 polo Concello de Ames. O resto da débeda provén dos préstamos provinciais da Deputación da Coruña (PAI), incluídos nos POS. Polo tanto o concello ten un nivel de débeda viva moi baixo, pois sitúase nunha porcentaxe dun 9,93% cando o límite legalmente establecido é dun 110%.

Estas cifras deixan marxe de manobra para afrontar outras operacións que se precisen no marco das actuacións da EDUSI, así como para afrontar gastos extraordinarios para cubrir as necesidades que xurdan motivadas pola situación de crise provocada pola pandemia da Covid-19.

Regra de gasto
O límite legal da regra de gasto no exercicio 2019 era de 19.819.756,43 euros e neste exercicio o Concello de Ames cumpriu a regra de gasto, xa que o gasto computable para o cálculo de dita regra de gasto foi de 19.765.218,72 euros, quedando 54.537,71 euros de marxe ata acadar o límite.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames aprobará la Conta Xeral del 2019 con críticas del PP por falta de transparencia"

El Correo Gallego: "Aprueban al límite la conta xeral de Ames para no perder ayudas"

Salón de plenos.