[21-07-2015] Este mércores, 22 de xullo, arrancan as festas da Madalena no Milladoiro. As actividades programadas desenvolveranse durante o día 22 de xullo e os días 1, 2 e 3 de agosto. Durante estes días de festa os veciños e veciñas do Milladoiro honrarán a súa patroa, a Virxe da Madalena. A programación de festexos inclúe actos relixiosos, competicións deportivas e moita música e animación. Os actos centrais das festas da Madalena celebraranse os días 1, 2 e 3 de agosto.
O comezo das festas terá lugar este mércores, 22 de xullo, ás 10:00 horas, co disparo das primeiras bombas de palenque, que anunciarán o día da patroa. Xa pola tarde, ás 20:00 horas, desenvolverase a Festa da auga e haberá diferentes actividades infantís a cargo da empresa Vagalume. Este mécores tamén haberá actos litúrxicos cunha misa, que se celebrará ás 21:00 horas, na capela da Madalena. A partir das 22:00 horas comezará a verbena, que estará amenizada pola orquestra viguesa, Saudade 73.
Os actos centrais das festa da Madalena celebraranse os días 1, 2 e 3 de agosto. O sábado, 1 de agosto, ás 10:00 horas, comezarán os festexos co disparo das bombas regulamentarias. Unha hora máis tarde, a partir das 11:00 horas, realizarase o tradicional pasarrúas pola zona de Vilar de Calos e polo Milladoiro a cargo da agrupación folclórica Os Retranqueiros.
Xa pola tarde, ás 20:00 horas, comezarán as actividades infantís na praza Entreagros. A esa mesma hora desenvolverase o III Torneo de peñas no campo de fútbol do Milladoiro, no que participarán a peña Celtista, a peña Deportivista, a peña Madridista e a peña Amigos do Barca. Pola noite, a partir das 22:00 horas, comezará a verbena. Primeiro actuará unha orquestra que aínda está sen anunciar, e posteriormente, ás 23:45 horas sairá ao escenario a orquestra Aché.
Día central das festas da Madalena
O gran día das festas do Milladoiro será o domingo 2 de agosto. Ás 10:00 horas dispararanse as 21 bombas de palenque regulamentarias coas que se dará inicio aos actos festivos desta xornada. A partir das 12:30 horas, realizarase a procesión da Madalena. Media hora máis tarde, ás 13:00 h, celebrarase unha misa solemne. Tralos actos relixiosos, ás 14:00 horas, haberá sesión vermú no campo da festa a cargo da orquestra Óbice Capital.
Xa pola noite, ás 22:00 horas, na praza da Capela, haberá verbena coa actuación do dúo Kalu Méndez e Alma Beatriz. Ademais, ás 24:00 horas, realizarase unha sesión de fogos de artificio e auga, que tamén incluirá a queima do Millamakko. Para pechar a xornada do domingo, ás 24:45 horas, actuará a orquestra asturiana Cuarta Calle.
O último día das festas será o luns, 3 de agosto, que comezará co lanzamento das correspondentes bombas de palenque. Ás 18:00 horas haberá un pasarrúas polos lugares de Ventín, Paramuíño, A Grela e O Porto. A esa mesma hora, desenvolverase A tarde feliz, que está dirixida a todos os nenos e nenas. Durante dúas horas disporán de prezos especiais nas atraccións de feira.
Ás 21:00 horas haberá misa na capela da Madalena e ás 21:30h a imaxe da Virxe da Madalena volverá ao seu lugar de orixe na rúa Viorneira. As festas rematarán cunha gran verbena, que comezará ás 22:00 horas, a cargo da orquestra Armonía Show. O remate das festas de 2015 darallo o grupo asturiano, Tekila.




