Pestanas principais

Este mércores, 19 de febreiro, remata o prazo para inscribirse no segundo Trail e Andaina Ribeiras do Tambre

Martes, 18 de febreiro de 2020

O Concello de Ames e maila Federación Galega de Atletismo organizan o segundo Trail e Andaina Ribeiras do Tambre este domingo 23 de febreiro. A saída do trail terá lugar ás 10.00 horas dende A Ponte Maceira, e posteriormente, ás 10.05 horas, será a saída da andaina. Para participar é necesario inscribirse en www.carreirasgalegas.com ou en www.emesports.es antes do mércores 19 de febreiro ás 23:59 horas. Na actualidade hai 244 participantes inscritos (143 no trail e 101 na andaina).

O segundo Trail e Andaina Ribeiras do Tambre é unha proba que está encadrada na especialidade atlética do trail-running e pertence ao calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, polo que se encontra baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces da Federación.

O horario de saída do trail será ás 10.00 horas, dende A Ponte Maceira. Cunha distancia de aproximadamente 15,23 quilómetros, a meta estará instalada no Real Aeroclub de Santiago, nas instalacións da Ameixenda. Minutos despois, ás 10.05 horas, procederase á saída da andaina, coa mesma saída e mesma meta, e cunha distancia de 14,23 quilómetros. Tanto os participantes do trail como os da andaina serán trasladados en autobús dende o Real Aeroclub de Santiago ata o punto de saída na Ponte Maceira a partir das 8.30 horas.

Categorías e recollida de dorsais
No trail haberá varias categorías: sénior masculino e feminino (18 anos cumpridos), máster 1 masculino e feminino (nados entre 1980-85), máster 2 masculino e feminino (nados entre 1971-79), máster 3 masculino e feminino (nados en 1970 e anteriores) e absoluta masculino e feminino (calquera das categorías anteriores).

Pola contra, na andaina non se establecerán categorías de participación, pero os menores de idade terán que ir acompañados en todo momento por un adulto maior de 18 anos. A idade mínima de participación na andaina é de 10 anos cumpridos o día da proba.

Os dorsais teñen un prezo de 7 euros para os participantes na andaina e de 11 euros para os participantes do trail, e poderán recollerse a partir das 8.30 horas nas instalacións do Real Aeroclub.

Premios e agasallos
Existirán premios para os/as 3 primeiros/as clasificados/as de cada categoría, ademais de premios aos/ás 3 primeiros/as locais empadroados no Concello de Ames, aos/ás 3 primeiros/as socios/as do Real Aeroclub de Santiago e aos 3 primeiros clubs da clasificación do trail. A entrega de premios levarase a cabo a partir das 12.30 horas nas instalacións do Real Aeroclub.

En canto aos equipos, darase trofeo aos tres primeiros, tanto federados como populares, xunto cun premio metálico aos cinco primeiros equipos da clasificación do trail. Para isto, tomaranse como referencia os seis primeiros clasificados/as de cada equipo, os cales poden ser mixtos. Haberá unha dotación de 150 euros para o primeiro equipo clasificado, 125 euros para o segundo, 100 para o terceiro, 75 ao cuarto e 50 euros ao quinto equipo clasificado.

Ademais, haberá agasallos técnicos pola súa participación tanto para os participantes no trail como na andaina, o cal poderán recoller xunto ao dorsal de competición antes de coller o autobús. Este evento conta coa colaboración do Real Aeroclub de Santiago, Gonzacar, Pazo de Anzuxao, Tropic e Frutas Compostela.

 

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Último día para inscribirse no Ribeiras do Tambre"

Imaxe do cartel do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre

Multimedia

  • Imaxe do cartel do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre