[01-10-2014] Ler e comentar o que se le, viaxar aos lugares que se citan nun conto ou ver xuntos a película que se fixo sobre unha novela son algunhas das actividades do Club de lectura para adultos que se organiza na Biblioteca do Milladoiro. O Club realízase ao abeiro das campañas de animación á lectura que durante todo o ano desenvolven as bibliotecas municipais. Trátase dun grupo aberto polo que o prazo de inscrición nesta actividade está aberto durante todo o curso. As persoas que desexen máis información poden chamar ao número de teléfono 662 371 723 ou enviar un correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.org. Este mércores 1 de outubro, ás 20:30 horas, realizarase a primeira xuntanza deste grupo para decidir os días e horas de reunión do Club e os libros que se van a ler este ano.
Existe unha enorme variedade de programas e actividades destinados ao fomento da lectura para os nenos e nenas, pero, moitas veces, esquécese que os adultos poden precisar un empurrón para comezar a ler con asiduidade ou retomar un hábito de lectura perdido. Para iso creáronse os clubs de lectura de adultos, que naceron dentro das actividades de animación á lectura que as bibliotecas municipais desenvolven con regularidade ao longo de todo o ano.
Este mércores, 1 de outubro, comeza unha nova edición do Club de lectura do Milladoiro. Na primeira reunión os participantes elixirán os autores e os libros cos que traballarán ao longo do curso. Tamén terán que decidir o día da semana no se xuntarán para falar das lecturas realizadas. Todas as persoas que desexen máis información poden chamar ao número de teléfono 662 371 723 ou enviar un correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.org. O prazo de inscrición está aberto durante todo o curso.
Os membros do Club de lectura do Milladoiro xuntaranse na Biblioteca do Milladoiro. Nas súas xuntanzas elixirán libros en grupo, establecerán un prazo para ler un certo número de páxinas e despois comentalo, destacar frases curiosas e xerar un debate ao redor del regulado por un moderador. Está actividade está aberta á participación de todos os adultos que queiran volver coller os libros.
Nos clubs de lectura intercambiaranse ideas e opinións sobre as lecturas realizadas, visitaranse lugares citados nos contos e nas novelas, veranse as películas realizadas sobre as obras, e, en definitiva, complementarase a lectura con outras actividades que fagan máis amena e máis activa a participación no club.




