Pestanas principais

Este mércores, 1 de abril, comeza o prazo para solicitar praza nas escolas infantís do concello de Ames

Mércores, 01 de abril de 2015

[01-04-2015] A partir deste mércores, 1 de abril, o persoal da Escola infantil municipal O Bosque, de Bertamiráns, e da Escola infantil municipal A Madalena, do Milladoiro, comezará a recoller as solicitudes de admisión de todos os pais e nais que están interesados en inscribir aos seus fillos/as nestas escolas infantís de cara ao vindeiro curso escolar. Son susceptibles de matricularse os nenos e nenas que teñan entre tres meses e tres anos. O prazo de inscrición rematará o próximo día 15 de abril. É preciso pasar polas escolas infantís para recoller a documentación que hai que cubrir para realizar o proceso de inscrición. O horario para recoller e entregar a documentación é de 9:00 h a 14:00 horas, nos propios centros de ensino. Premendo no enlace que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar a documentación que hai que presentar para realizar a solicitude de praza.

As escolas infantís municipais ofertan novas prazas para que as familias interesadas poidan deixar aos seus fillos e fillas nestes centros durante o seu horario de traballo. As dúas escolas infantís dispoñen de 209 prazas, pero este non é número total de prazas dispoñibles porque moitas xa están ocupadas polos nenos e nenas de 1 e 2 anos que pasan de curso.

Estas escolas están capacitadas con todo tipo de instalacións para cubrir perfectamente todas as necesidades do alumnado: sala de berces, comedor, cociña, lavandería, un almacén e aseos, sen esquecer un parque infantil exterior para os xogos dos máis pequenos.

As clases distribúense por franxas de idades: de 0 a 1 anos, de 1 a 2 anos e de 2 a 3 anos. Nas escolas infantís municipais son susceptibles de ser admitidos todos os nenos e nenas que teñen entre tres meses e tres anos, sempre e cando cumpran os tres anos antes do 31 de decembro de 2015.

Prazo de presentación das solicitudes
O prazo de inscrición estará aberto dende o día 1 ata o 15 de abril. Haberá que pasar polas escolas infantís, en horario de 9:00 h a 14:00 horas, para recoller e entregar o modelo de solicitude (carpeta de cartón). O persoal das escolas prestará a axuda necesaria para cubrir debidamente o impreso.

A mediados do mes de maio publicaranse as listas provisionais de admitidos/as e haberá un prazo de dez días para presentar posibles reclamacións. Posteriormente, entre o 1 e o 15 de xuño abrirase o prazo de matrícula. Unha vez aceptada a solicitude, os nenos/as admitidos na escola presentarán seis fotografías tamaño carné, a fotocopia do calendario de vacinas, a fotocopia da tarxeta sanitaria e o certificado médico.

Para máis información, os interesados ou interesadas poden dirixirse aos propios centros: a EIM O Bosque situada no número 28 da Avenida da Peregrina, en Bertamiráns; e a EIM A Madalena situada no número 16 da Praza da Madalena, no Milladoiro. Ou ben utilizar os teléfonos 981 891 111 e 981 538 433, respectivamente.