Pestanas principais

Este martes remata o prazo para candidatar vídeos alleos que optarán ao Premio do Público #PropostaYoutubeira

Luns, 19 de febreiro de 2018

[19-02-2018] Baixo o lema “Mostra @ Youtubeir@ que levas dentro”, o proxecto Youtubeir@s busca promover, por segundo ano consecutivo, o uso do galego na plataforma de vídeos Youtube coa organización dun certame, campañas de difusión e cursos de formación. Como novidade deste ano sobresae o Premio do Público, que se presenta co nome de #PropostaYoutubeira. O prazo para a presentación de propostas de vídeos candidatos ao premio remata este martes, 20 de febreiro. As propostas deberán ser realizadas a través do perfil Youtubeir@s en Facebook cun simple comentario que inclúa o cancelo #PropostaYoutubeira. Con todas as propostas recibidas, crearase un álbum con todos os vídeos, de maneira que as persoas interesadas poidan votar polo seu vídeo favorito cun “gústame”. As votacións realizarase entre o 25 de febreiro e o 15 de marzo. O prazo para inscribir os vídeos e as canles para o resto de Premios Youtubeir@s rematará tamén o 15 de marzo. Os premios serán entregados o 20 de abril de 2018 nun acto público na Coruña, no que o xurado dará a coñecer os gañadores.

O Concello de Ames volve facer parte do proxecto Youtubeir@s coa vontade de promover e dar visibilidade á lingua galega na plataforma de vídeos Youtube. A iniciativa, que está organizada polos servizos de normalización lingüística de nove concellos, polas tres universidades galegas e pola Deputación da Coruña, pretende fomentar a creatividade con temas propios e xerar referentes en galego de youtubeir@s. O proxecto recolle varias liñas de actuación, que van desde campañas de fomento do uso do galego a través de Youtube ata a formación de youtubeiras e youtubeiros, incluíndo tamén unha ampla actividade nas redes sociais coa finalidade de xerar comunidade e incentivar a participación.

Unha das principais novidades deste ano é o galardón do público, que se presenta baixo o nome “Proposta Youtubeira”. O premio escollerase entre as propostas de vídeos que as persoas usuarias de Facebook fagan a través dun comentario no perfil Youtubeir@s; o comentario deberá incluír o cancelo #PropostaYoutubeira. O prazo para facer propostas remata este martes, 20 de febreiro. Unha vez rematado o prazo, realizarase un álbum no dito perfil de Facebook para que as persoas interesadas poidan votar polos seus vídeos favoritos a través dun “gústame”. O xurado escollerá ao gañador do Premio do Público #PropostaYoutubeira entre os cinco vídeos que reciban máis “gústames” entre o 25 de febreiro e o 15 de marzo.

Premios Youtubeir@s

Calquera persoa maior de 14 anos poderá participar nos Premios Youtubeir@s a través de vídeos de opinión ou videotitoriais autoproducidos en galego e subidos á plataforma Youtube, tanto de xeito independente como a través dunha canle. As pezas participantes deberán estar publicadas con data posterior ao 28 de abril de 2017, sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros na descrición. No total, entregaranse 5.500 euros repartidos entre os seguintes premios: premio ao mellor vídeo-facermos, premio ao mellor vídeo-opinarmos, premio á mellor canle, premio á creatividade, premio á eficiencia comunicativa, premio á calidade técnica, premio á calidade lingüística e os premios do público #PropostaYoutubeira.

Os vídeos e canles presentadas deberán estar integramente en galego. As canles deberán achegar contidos propios e un mínimo de cinco vídeos publicados baixo calquera das licenzas Creative Commons. Os vídeos non deberán superar os cinco minutos de duración e tamén terán que estar publicados baixo unha licenza deste tipo. O prazo para inscribir os vídeos e as canles no Premio Youtubeir@s remata o vindeiro 15 de marzo. As persoas participantes deberán inscribirse a través do seguinte formulario http://youtubeiras.gal/inscricions/.

Os premios serán entregados nun acto público na Coruña, o 20 de abril de 2018, no que o xurado dará a coñecer os vídeos gañadores, valorando o enxeño e a creatividade, a calidade técnica, a eficiencia comunicativa e a calidade lingüística de cada peza e canle.

Festivais
O proxecto Youtubeir@s estivo presente en eventos culturais galegos tais como o Culturgal, no que se realizou unha presentación pública baseada nunha conversa con youtubeiras e youtubeiros. Ademais, o proxecto tamén estará presente en festivais relacionados coa creación audiovisual e dixital, co obxectivo de crear sinerxias para a programación de contidos youtubeiros en galego. O vídeo promocional desta segunda edición pódese ver na seguinte ligazón https://www.youtube.com/watch?v=T1hQxcfqisc.

Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Último día para presentar los vídeos para el Premio del Público #PropostaYoutubeira"