Pestanas principais

Este martes, 16 de abril, proxéctase "The Straigth Story" dentro do ciclo Abril de Cine

Sábado, 13 de abril de 2024

A vindeira semana continúa o ciclo Abril de Cine, unha iniciativa encadrada dentro da programación deseñada polo departamento de Cultura do Concello de Ames. O obxectivo deste proxecto é achegar o cinema clásico á veciñanza amesá. A terceira proxección será este martes, 16 de abril, co filme The Straigth Story (Unha historia verdadeira). O  martes 23 de abril poderase ver In the mood for love (Desexando amar). Todos os filmes serán proxectados en versión orixinal subtitulada no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20:00 horas. Nas dúas proxeccións que quedan poder facer, haberá un coloquio en cada unha, nas que participarán o cineasta Alfonso Zarauza e a actriz e directora Jaione Camborda.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, puxo en marcha por cuarto ano consecutivo o programa cultural Abril de Cine. Ao longo deste mes os veciños e veciñas de Ames poden gozar de catro proxeccións. Deste xeito, súmase a disciplina do cinema a programación cultural do Concello, poñendo en valor esta disciplina artística como ferramenta transmisora de información e coñecemento, así como de pensamento crítico. As entradas pódense adquirir a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames.

As proxeccións son en versión orixinal subtitulada e contan cun convidado do eido da cultura (cinema, música, literatura...). Nas dúas proxeccións que quedan poder facer, haberá un coloquio en cada unha, no que estarán o cineasta Alfonso Zarauza, e a actriz e directora Jaione Camborda. Cada un deles participará nun pequeno coloquio ao finalizar cada filme para afondar nos aspectos máis rechamantes da obra audiovisual. Tamén ao comezo haberá unha pequena presentación para orientar ao público cun par de claves sobre o filme antes da proxección.

Proxeccións de cine clásico
A terceira sesión terá lugar este martes 16 de abril. Emitirase o filme The Straigth Story (Unha historia verdadeira), de David Lynch. Baseada nunha historia real, narra a viaxe de Alvin Straight, un ancián que vive coa súa filla con discapacidade, para ver ao seu irmán enfermo no único medio de transporte do que dispón: unha máquina cortacéspede. Nesta ocasión, o coloquio posterior contará coa participación do realizador, guionista e produtor galego Alfonso Zarauza.

A última das sesións de longametraxes do Abril de Cine desenvolverase o 23 de abril. Proxectarase In the mood for love (Desexando amar), un filme asiático que se desenvolve no Hong Kong de 1962. Neste contexto, Chow, redactor xefe dun diario local, múdase a un edificio habitado principalmente por residentes de Shaghai onde coñece a Li-zhen, unha moza que acaba de instalarse no mesmo edificio co seu esposo. Un día, ambos descubrirán algo inesperado respecto ás súas parellas que o cambiará todo. Nesta ocasión será a directora do aclamado filme “O Corno”, Jaione Camborda, a que acompañe ao público durante o coloquio posterior á proxección.

Este martes, 16 de abril, proxéctase o terceiro filme do ciclo Abril de Cine