Pestanas principais

Este luns inaugúrase a mostra dos traballos realizados no obradoiro de manualidades

Domingo, 29 de maio de 2011

[29-05-2011] Guías telefónicas, cadros abstractos, lámpadas de cristal, cadros con collage, pasta de papel... Moitas son as expresións artísticas que dende este luns, 30 de maio ata o 5 de xuño se poden ver no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, na exposición de traballos do obradoiro de manualidades. Nesta mostra exporanse os traballos realizados polas preto de 130 persoas que participaron neste obradoiro dende outubro. A inauguración da exposición terá lugar este luns ás 20:00 horas no Pazo da Peregrina.

As manualidades ofrecen moitas máis posibilidades das que a xente imaxina. Guías telefónicas, cadros abstractos, lámpadas de cristal ou pasta de papel son algúns dos elementos decorativos que se realizaron dende o pasado mes de outubro nos obradoiros de manualidades. Estes cursos desenvolvéronse en Bertamiráns, O Milladoiro e Bugallido. A actividade enmárcase dentro do programa de obradoiros culturais e escolas deportivas organizado polo Concello de Ames.

Este ano foron arredor de 130 as persoas que participaron no obradoiro de manualidades. Esta actividade ten un gran éxito entre os adultos que dispoñen de tempo libre para o lecer, pero este divertimento tamén implica traballo. Pinturas acrílicas, témperas, cartón, papel, pinceis, barro e verniz, entre outros materiais, encheron durante estes meses as aulas do obradoiro de manualidades. Na Casa da Cultura do Milladoiro respirouse un ambiente de axitación e esforzo entre os diferentes grupos de alumnas e alumnos que acudiron ao curso nesta localidade.

Na Casa da Cultura de Bertamiráns tamén traballaron varios grupos con distintos tipos de pintura e de cristal durante os oito últimos meses. Ao igual que os compañeiros do Milladoiro fixeron múltiples traballos artísticos. O último grupo, o de Bugallido, traballou no local social e, cunha gran dedicación, fixeron utensilios aproveitables para o fogar e para a decoración, entre outras cousas. Todo o alumnado que participou neste obradoiro traballou con pinturas en diferentes texturas, distintos materiais craquelados e pintura con bordado de chumbo.

O obradoiro foi de gran utilidade para os alumnos e alumnas. Estes que estiveron en todo momento supervisados polas profesoras encargadas de impartir as actividades. As diferentes expresións artísticas realizadas polos alumnos/as amosan a habilidade destes na reutilización de materiais para darlles un uso diferente ao que están destinados ou crear utensilios novos a través de distintos materiais, como barro ou xeso. Todos e todas as amantes da arte teñen unha cita na mostra que se exporá no Pazo da Peregrina dende o día 30 de maio ata o 5 de xuño.