Un total de 35 alumnos e alumnas do terceiro ciclo de Primaria do CEIP Agro do Muíño participarán a vindeira semana na Semana da Bicicleta. A través desta iniciativa, o centro anima aos alumnos de 5º e 6º de Primaria a utilizar a bicicleta para realizar o percorrido que separa o colexio dos seus fogares, tanto ao comezo como ao remate das clases. Os cativos/as, que sairán da Praza do Concello de Bertamiráns ás 9.00h, estarán acompañados durante a ruta de membros de Protección Civil de Ames. Esta iniciativa conta coa colaboración do Concello de Ames, da agrupación de Protección Civil e a Policía Local.
A xornada comezará ás 9.00h na Praza do Concello de Bertamiráns, onde membros da Policía Local de Ames ofreceránlle aos participantes unha serie de indicacións que deberán ter en conta durante o percorrido ata o centro escolar. A continuación, os nenos e nenas collerán as súas bicicletas e cascos para percorrer os 2,2 quilómetros que separan o punto de encontro do CEIP Agro do Muíño, sempre baixo a supervisión de varios membros da agrupación de Protección Civil. Se ben a actividade realizarase do luns 6 ao venres 10, os dous primeiros días tamén participará no traxecto un profesor ou profesora do centro, así como algúns pais e nais voluntarios.
A ruta da mañá partirá da Praza do Concello e seguirá pola rúa Alcalde Lorenzo, ata a intersección co camiño que vai cara a depuradora. Unha vez alí, os nenos e nenas xirarán á dereita e percorrerán dito camiño ata realizar a entrada na urbanización do Agro do Muíño pola rúa Ribeira de Maguxe, tralo que circularán pola rúa do Carballo que vai a dar ao portal traseiro do centro escolar. Para a volta, na que se realizará o mesmo percorrido á inversa, haberá dúas quendas. A primeira delas sairá do CEIP Agro do Muíño en dirección á Praza do Concello ao remate das clases, ás 14.30h, mentres que a segunda quenda terá lugar ás 16.30h, coincidindo co fin do servizo de comedor.
Esta iniciativa foi proposta pola dirección do centro escolar durante a primeira reunión da Mesa de coordinación Intersectorial de Saúde do Concello de Ames, realizada no pasado mes de febreiro. Con esta actividade, o CEIP Agro do Muíño non só se busca promocionar hábitos de vida saudable, senón tamén mostrarlle ao alumnado, dende un punto de vista práctico, a necesidade de buscar opcións de mobilidade sostible que repercutan no medio ambiente e conciencialos sobre elo.
Outros dos obxectivos que se pretenden conseguir con esta Semana da Bicicleta son fomentar a autonomía dos nenos e nenas, así como poñer en práctica e asentar os coñecementos adquiridos polo alumnado durante a charla sobre seguridade viaria ofrecida pola Garda Civil no centro. Cabe destacar que esta Semana da Bicicleta conta coa colaboración da Concellaría de Sanidade de Ames, a agrupación de Protección Civil e a Policía Local de Ames.





