Pestanas principais

Este luns 5 de novembro abre o prazo para inscribirse no programa de conciliación Nadal Lúdico

Luns, 05 de novembro de 2012

[05-11-2012] O Concello de Ames pon en marcha un ano máis o programa de conciliación Nadal Lúdico. Deste xeito, a concellaría de Servizos abre o prazo para inscribirse neste programa co que se ofrece unha alternativa que, ademais de ocupar o tempo libre dos rapaces e rapazas dun xeito divertido e educativo, permita a nais e pais conciliar o seu traballo coas vacacións dos nenos/as. O prazo para apuntarse está aberto dende o día 5 ata o día 19 de novembro. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar as bases dos programas lúdicos e descargar o impreso de inscrición para participar no Nadal lúdico.

O Nadal é unha das épocas do ano nas que os rapaces gozan máis. Isto é así porque non teñen clases, nin obrigas, nin deberes. Os nenos teñen tempo para apuntarse a actividades e participar en obradoiros. O Nadal lúdico pretende ofertar unha alternativa que permita cubrir o tempo de lecer dun xeito divertido e educativo na época das vacacións escolares, á vez que se facilita a conciliación da vida laboral e familiar.

Para iso, unha edición máis ábrese o prazo para apuntarse no programa Nadal lúdico, que o Concello de Ames ofrece para que, durante esta época de vacacións e descanso para os máis cativos, os pais e nais poidan conciliar a vida laboral e familiar, ademais de que os rapaces ocupen o seu tempo de lecer dun xeito divertido e tamén educativo. O prazo de inscrición abrangue dende o día 5 ata o 19 de novembro.

O Nadal lúdico desenvolverase durante os días 24, 26, 27, 28 e 31 de decembro e o 2, 3, 4 e 7 de xaneiro. Nestas xornadas levaranse a cabo diferentes actividades lúdicas destinadas ao entretemento e á aprendizaxe dos máis pequenos. O horario deste programa será dende as 7.30 h ás 16.00 h. Estas actividades desenvolveranse tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro.

O programa está dirixido aos nenos e nenas, escolarizados no segundo ciclo de Educación Infantil e en Educación Primaria, empadroados no concello de Ames. Ademais, tamén poderán acceder ao programa os fillos e fillas das persoas que, aínda que non estean empadroados, traballen neste municipio. Esta situación deberá acreditarse cun certificado da empresa ou institución correspondente. Porén, terán preferencia os/as empadroados/as no concello. Non se admitirán inscricións fóra de prazo.

As persoas interesadas tamén poden recoller esta documentación no departamento de Educación en Bertamiráns e na Oficina Municipal do Milladoiro. A entrega da documentación deberá facerse no Rexistro Xeral do Concello, en Bertamiráns, e na Oficina Municipal do Milladoiro en horario de 9.00 h a 14.00 h, tendo en conta tamén que o Rexistro Xeral do Concello abre de luns a sábado e as Oficinas Municipais do Milladoiro, abren de luns a venres.

Cando remate o prazo de inscrición publicarase a lista de admitidos na que tamén se indicarán os lugares das actividades por grupos. Esta listaxe poderase consultar nos taboleiros do Concello e da Oficina Municipal do Milladoiro. Para máis información poden chamar ao teléfono 981 891 476 ou enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.org do departamento de Educación.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames abre el plazo de inscripción para el programa Nadal Lúdico"