[23-05-2014] A partir do luns 26 de maio todas as persoas que desexen practicar deporte ou participar nalgunha actividade cultural xa poden renovar a súa praza no programa de obradoiros culturais e escolas deportivas para o curso 2014-2015. O período para renovar praza, para as persoas xa inscritas no pasado curso, estará aberto entre os días 26 e 30 de maio. A renovación da praza pódese facer por vía telemática, nun banner que a partir do luns estará colocado na web municipal, ou de xeito presencial na oficina de Cultura e Deportes de Bertamiráns, situada no Pazo da Peregrina, e na Casa da Cultura do Milladoiro. O segundo período de matrícula, para prazas libres e grupos de nova creación, irá dende o 15 ata o 19 de setembro.
Inscrición presencial
Para formalizar a matrícula deberase acudir á Casa da Cultura do Milladoiro ou ao Pazo da Peregrina en Bertamiráns, en horario de 9:00 h a 14:00 horas. Ademais os días 26 e 27 de maio tamén se atenderán as inscricións en horario de tarde, de 16:00 h a 18:00 horas, para maior comodidade da veciñanza amiense. Unha vez formalizada a matrícula nas oficinas habilitadas, entregaráselle a cada usuario/a a folla de autoliquidación para proceder ao pagamento da actividade na entidade bancaria.
Renovación de prazas vía telemática
Ademais poderase confirmar a súa praza vía telemática premendo nun banner que estará situado na páxina principal da web municipal. A vía telemática estará dispoñible dende as 9:00 h do 26 de maio ata ás 14:00 horas do 30 de maio. Todas as inscricións que se fagan fóra de prazo non serán tidas en conta. Unha vez formalizada a matrícula a través da páxina web municipal, deberase solicitar por correo electrónico a folla de autoliquidación para proceder ao pagamento da actividade.
Haberá que enviar un correo electrónico ao enderezo deportes@concellodeames.org para as escolas deportivas de Bertamiráns; ao enderezo deportes.milladoiro@concellodeames.org para as escolas deportivas do Milladoiro; e ao enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org para os obradoiros culturais.
Cómpre recordar que non se considerará inscrito no curso anterior aquel alumnado que tramitara a baixa. Reservaranse as prazas nas actividades do curso anterior e, se é posible, no mesmo grupo ao que pertencían ou nun novo grupo que lle corresponda por ano de nacemento. O Concello non garante que o grupo e o horario da actividade escollida para este curso coincida co do ano anterior. Para matricularse nas escolas deportivas e obradoiros culturais é requisito imprescindible estar empadroados no Concello de Ames e non ter débedas pendentes de calquera tributo co Concello de Ames.
Posteriormente, abrirase un segundo período de matrícula para prazas libres e grupos de nova creación, que irá dende o 15 ata o 19 de setembro. As clases, segundo o previsto, arrancarán a semana do luns 6 de outubro e finalizarán o 30 de maio de 2015. Para obter máis información poden enviar un correo electrónico aos enderezos deportes@concellodeames.org - cultura.milladoiro@concellodeames.org ou chamar aos números e teléfono 981 884 991 – 981 535 940.
O Concello de Ames, a través da concellaría de Deportes, abre un ano máis o período para renovar praza nas escolas deportivas e nos obradoiros culturais de cara ao curso 2014-2015. Os nenos e nenas poderán inscribirse nas diferentes actividades que se ofertan dentro das escolas deportivas entre as que se atopan o ballet, o baloncesto, o fútbol sala, o judo, a natación, a patinaxe, o predeporte, o tenis, o voleibol e a ximnasia rítmica. Ademais, ofértase unha ampla programación de actividade física para os adultos (aeróbic; spinning, abdominais e glúteos; pilates; e ximnasia de mantemento) e obradoiros culturais para nenos/as e adultos (baile de salón; manualidades; teatro; xadrez; e baile e música tradicional).
Nas escolas deportivas para nenos/as hai dispoñibles 1.136 prazas, mentres que nas actividades físicas para os adultos ofrécense un total de 807 prazas. Por outra banda, nos obradoiros culturais ofértanse 257 prazas. A estas prazas habería que sumarlle todas as persoas que participan no obradoiro de baile e música tradicional. En total, ofértanse 2.200 prazas dentro do programa das escolas deportivas e dos obradoiros culturais 2014-2015.
Todas as persoas que estean interesadas en participar nas escolas deportivas e nos obradoiros culturais do vindeiro curso xa poden solicitar información na oficina de Cultura e Deportes de Bertamiráns, situada no Pazo da Peregrina, e na Casa da Cultura do Milladoiro. Haberá dous prazos para poder formalizar a matrícula nas actividades que se enmarcan dentro deste programa cultural e deportivo. Todas aquelas persoas que xa estiveron inscritas no curso 2013-2014 poden renovar a súa praza entre o día 26 e o 30 de maio.




