Pestanas principais

Este luns, 2 de maio, remata o prazo para preinscribirse nos campamentos municipais de verán 2016

Sábado, 30 de abril de 2016

[30-04-2016] O Concello de Ames informa de que este sábado, 2 de maio, remata o prazo para formalizar a preinscrición nos campamentos municipais de verán deste ano. Nesta edición, que presenta varias novidades, ofértanse un total de 545 prazas. A primeira é que se amplía o alumnado ao que se dirixe este programa. Así, os rapaces e rapazas que cursan este ano estudos de bacharelato tamén poderán participar nas actividades ofertadas. Ademais, amplíase a oferta de campamento con novas actividades para o mes de setembro, que estarán dirixidas ao alumnado de primaria e de secundaria. Deste xeito, ofrécese unha nova alternativa para que os pais e nais poidan conciliar durante o mes de setembro e mentres non comeza o curso escolar. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases e o impreso de preinscrición.


O programa de Campamentos de Verán 2016 presenta varias novidades. A primeira é que se amplía o alumnado ao que se dirixe este programa. Así, os rapaces e rapazas que cursan este ano estudos de bacharelato tamén poderán participar nas actividades ofertadas. Segundo explica a concelleira de Mocidade, Silvia Dapena, “esta é unha vella demanda dunha parte importante da veciñanza amesá, que pedían que este programa de actividades tamén se destinase ao alumnado de primeiro e segundo de bacharelato”.

Ademais, amplíase a oferta de campamentos con novas actividades para o mes de setembro, que estarán dirixidas ao alumnado de primaria e de secundaria. Deste xeito, ofrécese unha nova alternativa para que os pais e nais poidan conciliar durante o mes de setembro e mentres non comeza o curso escolar. Ademais, para o mes de xullo ofértase unha nova edición do campamento urbano de verán que se desenvolve nas instalacións da Aula da Natureza.

Campamentos ofertados
Os nenos de 4º e 5º de educación infantil terán a posibilidade de pasar os días 27 e 28 de xuño na granxa escola Fervenzas do Toxa (Silleda). O custo deste campamento será de 45 euros e ofértanse 40 prazas. Ademais, os rapaces e rapazas de 6º de educación infantil tamén terán a posibilidade de pasar uns días neste mesmo campamento. Neste caso ofértanse outras 40 prazas para os nenos/as que pasen os días 28, 29 e 30 de xuño na granxa escola Fervenzas do Toxa. Esta actividade terá un custo de 90 euros.

Por outra banda, os rapaces e rapazas que están cursando 1º e 2º de educación primaria poderán acudir á granxa escola Barreiros, situada en Sarria. Despois de varios anos vólvese a incluír no programa este campamento que ten unha gran aceptación entre a rapazada. Neste caso, ofrécese a posibilidade de acudir en unha das dúas quendas ofertadas (do 26 ao 28 de xullo ou do 28 ao 30 de xullo). O custe deste campamento é de 90 euros e ofrécense un total de 100 prazas (50 prazas por quenda).

Para os alumnos de 3º e 4º de educación primaria ofértanse 100 prazas para o campamento Galipark Multiaventura, situado en Extramundi. Esta é unha das novidades incluídas no programa deste ano. A estancia neste campamento será dende o 18 ata o 21 de xullo e terá un custo de 125 euros. Os rapaces e rapazas de 5º e 6º de educación primaria poderán pasar dende o día 26 ata o 31 de xullo no campamento do parque natural do Xurés. Para este campamento, que ten un custo de 170 euros por persoa, ofértanse 50 prazas.

Os mozos e mozas que están cursando 1º e 2º da ESO terán a posibilidade de pasar uns días no campamento xuvenil das Fragas do Eume. Este campamento desenvolverase do 11 ao 18 de xullo e terá un custo de 220 por persoa. Neste caso ofrécense 40 prazas. Ademais, este ano, entre o 3 e 9 de xullo, ofréceselle ao alumnado de 3º e 4º da ESO, así como de 1º e 2º de bacharelato a posibilidade de acudir ao campamento de aventuras DiverLanhoso, situado preto de Braga, Portugal. Para este campamento hai dispoñibles 30 prazas e ten un custo de 230 euros por persoa.

Campamento Setembro 2016
Outra das principais novidades para este ano é o campamento que se desenvolverá a comezos do mes de setembro. O alumnado de 1º a 6º de primaria poderá acudir á granxa escola Kirico, situada en Fornelos de Montes, entre o 29 de agosto e o 2 de setembro. Para este campamento ofértanse 60 prazas e ten un custe de 150 euros. Neste campamento realizaranse diferentes actividades que estarán orientadas segundo as idades dos participantes, e outras que se farán en conxunto fomentando a convivencia entre rapaces e rapazas de diferentes idades.

Ademais, os rapaces e rapazas de 1º a 4º da ESO, poderán ir ao campamento do Grove entre o 7 e o 11 de setembro. Neste caso hai dispoñibles 35 prazas e ten un custo de 150 euros. Deste xeito, este ano dende a concellaría de Mocidade establecen tres grupos para os mozos e mozas: un que engloba a todo o alumando de secundaria (campamento de setembro no Grove), un segundo grupo para o alumnado de 1º e 2º da ESO, e outro para os rapaces e rapazas de 3º e 4º da ESO e para os de 1º e 2º de bacharelato.

Por último, cómpre destacar que un ano máis vólvese a organizar o campamento urbano que se desenvolve nas instalacións da Aula da Natureza. Esta actividade, que está dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 14 anos de idade, desenvolverase do 4 ao 15 de xullo (de luns a venres en horario de 16:00 a 20:00 horas). En total, haberá 50 prazas dispoñibles e terá un custe de 50 euros. Tódolos campamentos contarán con servizo de autobús.

Prazo de preinscrición
Todos os rapaces que desexen asistir a algún destes campamentos teñen que realizar a correspondente preinscrición ata este luns 2 de maio. En tódolos campamentos resérvase un 10% das prazas para casos de emerxencia social e as familias numerosas terán un 50% de desconto sobre o custo total do campamento que elixan.

As bases e os impresos de preinscrición pódense obter acudindo de xeito presencial, en horario de 9:00 a 14:00 horas, ás oficinas municipais do Milladoiro; ao departamento de Medio Ambiente da Casa do Concello; á OMIX da Casa da Cultura de Milladoiro (martes e venres) e da Casa da Cultura de Bertamiráns (luns, mércores e xoves). Os sábados, no mesmo horario, tamén se poderán obter no Rexistro Xeral da Casa do Concello.

Unha vez cuberto o impreso de preinscrición deberá entregarse de luns a sábado, en horario de 9:00 a 14:00 horas, no Rexistro Xeral da Casa do Concello, en Bertamiráns. Tamén se pode entregar no rexistro das oficinas municipais do Milladoiro e no rexistro do Pazo da Peregrina, pero de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas.

Para ampliar calquera outra información sobre os campamentos dirixidos ao alumnado de infantil e primaria, así como do campamento urbano poden chamar ao número 660 004 665 ou enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. Para solicitar información sobre os campamentos dirixidos ao alumnado de secundaria e bacharelato deben chamar ao número 616 083 229 ou enviar un correo electrónico ao enderezo omix@concellodeames.gal.