Pestanas principais

Este luns, 19 de maio, abre o prazo para a renovación de prazas na Escola Municipal de Música de Ames de cara ao curso 2014-2015

Luns, 19 de maio de 2014

[19-05-2014] A Escola Municipal de Musica de Ames, dependente da Concellaría de Cultura, abre entre o 19 e o 26 de maio o prazo de renovación de prazas para o curso 2014-2015, para todos aqueles nenos/as que xa estiveron matriculados este ano na escola. Este primeiro prazo de inscrición está orientado, exclusivamente, aos alumnos da Escola para a continuación de estudios. Mentres que todas aquelas persoas que desexen comezar estudios musicais na EMMA deberán realizar a matrícula no mes de xuño. A Escola, que remata as clases o próximo día 20 de xuño, fará como todos os anos a actuación de fin curso, ese mesmo día ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter un aviso sobre a renovación de prazas na Escola Municipal de Música de Ames.

A Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) abre un primeiro prazo de renovación de prazas para o próximo curso 2014-2015, dirixido aos alumnos/as que xa estiveron matriculados na EMMA este curso. O prazo abrangue dende o día 19 ata o 26 de maio. Durante as primeiras semanas de maio os profesores da EMMA xa se encargaron de entregarlle a cada alumno/a un sobre con toda a documentación e impresos para realizar a renovación de prazas. Os pais/nais deberán cubrir as fichas que van no devandito sobre e o impreso de autoliquidación do ingreso da matrícula.

Para facer o pagamento cada un dos alumnos/as disporán dun impreso de autoliquidación personalizado co que terá que ir a entidade bancaria co fin de efectuar o pagamento de forma presencial. Outra opción é realizar o pagamento a través da Oficina Virtual co certificado dixital ou co DNI-e ou para os clientes de NCG banco a través da súa páxina, sen certificado.

Os impresos deberán entregarse debidamente cubertos no rexistro da Oficina Municipal do Milladoiro ou no rexistro xeral do Concello, situado en Bertamiráns, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Tamén se poderán presentar o sábado 24 de maio no rexistro xeral do Concello, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Cómpre lembrar que para poder matricularse na Escola Municipal de Música de Ames é preciso estar empadroado no Concello de Ames.

En caso de cambio dos datos persoais ou perda da documentación, deberán poñerse en contacto coa a oficina de recadación na Rúa do Ameneiral número 18, baixo, situada en Bertamiráns, de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas, ou os luns e mércores en horario de tarde, de 16:30 a 18:30horas. Tamén se poden poñer en contacto coa oficina da Escola de Música no Milladoiro, de luns a venres, en horario de 9:00 a 13:00 horas, chamando aos números de teléfono 981 883 002 (extensión 2300) / 981 535940.

206 alumnos/as matriculados
Durante o curso 2013-2014 rexistráronse un total de 206 matrículas. Uns 167 alumnos/as continuaron estudos na escola de música, mentres que 39 alumnos/as matriculáronse por primeira vez neste servizo municipal. O novo alumnado matriculouse nas seguintes materias: 21 en música e movemento; 3 en canto; 4 en guitarra; 6 en violín; 4 en batería, e 1 en frauta. Este ano incrementouse o número de usuarios/as que se matricularon neste servizo municipal. No décimo aniversario da Escola Municipal de Música de Ames superáronse por primeira vez as 200 matrículas.

Pódense matricular na escola todas as persoas empadroadas en Ames de 4 anos en diante. De 4 a 7 anos poden matricularse nas clases de música e movemento. Estas son clases colectivas de 10-12 alumnos/as. Trátase dunha materia na que se fai unha introdución e achegamento á música. A través do xogo os nenos/as achéganse á música. Empréganse ferramentas básicas para un ensino musical eficaz en anos posteriores. O alumnado está dividido en tres grupos que se establecen sempre atendendo o criterio da idade. Esta materia está dividida a súa vez en tres apartados iniciación á música; audicións; e instrumentos tradicionais. Está impartida en dúas sesións semanais de 60 minutos de duración, nas que unha das sesións se dedica á iniciación a música, mentres que a outra sesión divídese en 30 minutos dedicados a audicións e os outros 30 minutos a instrumentos tradicionais.

Clases de instrumento e linguaxe musical
Para as persoas de 7 anos en diante (sen límite de idade) impártense clases de instrumento e linguaxe musical ou música para adultos. As clases de instrumento son individuais de media hora á semana, e as de linguaxe musical ou música para adultos son clases colectivas (10-12 alumnos/as) unha hora á semana. Impártense clases de piano, guitarra, violín, percusión-batería, saxofón, frauta e canto. Ademais destas clases, para os alumnos/as matriculados na escola, hai clases colectivas de coro, combo, orquestra de frautas, agrupacións de violíns. Nas que se pode participar, cando xa se acada un nivel de coñecementos, e baixo o criterio dos profesores. Todas as clases se imparten nas aulas do Centro multiusos de Aldea Nova, polas tardes, a partir das 16:00 horas.

Durante o curso realízanse varias actuacións e concertos en Entroido, fin de curso, no acto literario-musical con motivo da celebración das Letras Galegas, no acendido das luces de Nadal, audicións de guitarras ou piano, etc.