Pestanas principais

Este luns, 17 de setembro, abre o segundo prazo para inscribirse nas escolas deportivas e obradoiros culturais municipais

Venres, 14 de setembro de 2012

[14-09-2012] Este luns, 17 de setembro, comeza o segundo prazo de matrícula no programa de obradoiros culturais e escolas deportivas para o curso 2012-2013. Todas as persoas que o desexen poderán inscribirse nas prazas libres e grupos de nova creación que se ofertan dentro deste programa deportivo e cultural. O prazo de inscrición estará aberto ata o 21 de setembro. Despois de que rematase o prazo de renovación, aínda quedan 1.139 prazas libres para o segundo prazo de inscrición. A matrícula pódese facer de xeito presencial na oficina de Cultura e Deportes de Bertamiráns, situada no Pazo da Peregrina, e na Casa da Cultura do Milladoiro. As listaxes definitivas de admitidos/as publicaranse o mércores 26 na web do concello e nos taboleiros da Casa da Cultura do Milladoiro e do Pazo da Peregrina de Bertamiráns.

Tenis, aeróbic, pilates, ximnasia de mantemento, bailes de salón, xadrez, baile e música tradicional, manualidades, teatro, baloncesto, fútbol sala, natación ou patinaxe son algunhas das actividades que se desenvolverán ao longo do curso 2012 – 2013 dentro do programa das escolas deportivas e obradoiros culturais.

O deporte e os obradoiros culturais son unha boa forma de desenvolver unha vida saudable e adquirir valores tan importantes como a deportividade, o respecto e a tolerancia. Por este motivo, o Concello de Ames aposta polo desenvolvemento destas actividades que sempre acadan uns resultados positivos. Para facerse unha idea, durante o curso pasado máis de 1.800 persoas participaron nas actividades das escolas deportivas e obradoiros culturais que se impartiron tanto en Bertamiráns como no Milladoiro.

As actividades deportivas ofertadas polo Concello de Ames caracterízanse pola súa diversidade e por estar pensadas para todos os grupos de idade. Así, neste curso 2012- 2013, os e as amienses poderán gozar de cinco obradoiros como son o de baile de salón; manualidades; teatro; xadrez; e baile e música tradicional. A esta oferta hai que engadirlle as actividades propias das escolas deportivas como son tenis; pilates; aeróbic; ximnasia de mantemento; spinning, abdominais e glúteos; baloncesto; fútbol sala; natación; patinaxe; predeporte; tenis de mesa e voleibol. Entre os obradoiros culturais e as escolas deportivas ofértanse arredor de 2.000 prazas.

Segundo prazo de inscrición

Rematado o primeiro prazo de inscrición, que estaba dirixido ás persoas que participaron nestas actividades o curso anterior, agora ábrese unha segunda quenda de matrícula para todas aquelas persoas que desexen inscribirse nas prazas libres e grupos de nova creación que se ofertan dentro deste programa deportivo e cultural. O segundo prazo de inscrición irá desde o 17 ata o 21 de setembro. Despois de que rematase o prazo de renovación, aínda quedan 1.139 prazas libres para o segundo prazo de matrícula.

A matrícula pódese facer de xeito presencial na Casa da Cultura do Milladoiro ou no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, en horario de 9:00 h. a 14:00 horas. Ademais os días 17 e 18 de setembro tamén se atenderán as inscricións en horario de tarde, de 16:00 h. a 18:00 horas. Neste segundo prazo de inscrición, se hai máis solicitudes que prazas, farase un sorteo público e nunca se adxudicarán por orde de chegada. Se fose necesario o sorteo realizarase o martes 25 de setembro, ás 12:00 horas, no salón de plenos da Casa do Concello.

Como nos anos anteriores, para matricularse nas escolas deportivas e obradoiros culturais é imprescindible estar empadroado/a no Concello de Ames e non ter débedas pendentes de calquera tributo coa Administración local. Ademais, cada alumno/a só poderá inscribirse en dúas escolas deportivas e dous obradoiros culturais como máximo, sempre que non coincidan horarios. As clases, segundo o previsto, arrancarán a semana do luns 8 de outubro e finalizarán o 31 de maio de 2013.

Todas as persoas que estean interesadas en participar nas escolas deportivas e nos obradoiros culturais do vindeiro curso xa poden solicitar información na oficina de Cultura e Deportes de Bertamiráns, situada no Pazo da Peregrina, e na Casa da Cultura do Milladoiro.

Forma de pagamento

Á hora de inscribirse é necesario achegar os datos persoais do inscrito/a, e no caso dos menores de idade tamén do pai/nai ou titor/a. Unha vez que se obteña praza na actividade, haberá que realizar o ingreso do importe total da cota que custa a actividade e entregar o xustificante de pagamento. Este xustificante haberá que entregalo entre o 27 de setembro e o 3 de outubro (ata ás 14:00 horas do día 3) nos locais de inscrición ou envialo por correo electrónico aos enderezos deportes@concellodeamesorg; ou administracion.cultura@concellodeames.org.

Ademais, para incrementar a participación, o Concello de Ames ofrece descontos nos prezos dalgunhas actividades polo segundo e o terceiro membro menor de 18 anos que se matricule.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ábrese o prazo para inscribirse nas escolas deportivas e culturais de Ames"