[10-06-2017] As bibliotecas municipais do Milladoiro e de Bertamiráns acollen este luns 12 e o martes 13 de xuño a celebración de novas sesións de contacontos, dirixidas especialmente a nenos e nenas de 3 a 8 anos. Desta volta, os máis pequenos da casa poderán gozar dos Contos Revoltos con Fátima Fernández. As actividades de Animación á lectura que organiza a Concellaría de Educación e Cultura amósalles aos rapaces e rapazas, mediante sesións de contacontos, a maxia que agochan os libros.
"Había una vez una contadora de historias moi ordenada, levaba todos os seus contos colocadiños dentro das súas maletas; pero un día, un remuíño curioso quixo ver os seus contos, meteuse nas maletas e cando saíu delas, os contos estaban todos revoltos, os de amor cos de medo, os pequenos cos grandes..." Así presenta a propia autora as historias que desta volta poderán escoitar os nenos e nenas de Ames nas bibliotecas municipais do Milladoiro e Bertamiráns os días 12 e 13 de xuño.
Durante este curso os contos non se centran nunha única temática, senón que durante cada mes abórdanse temas distintos, sempre relacionados con aspectos de interese e de actualidade na formación emotiva, artística e formal dos máis cativos. Así os máis pequenos e pequenas de Ames, ademais de fomentar o gusto pola lectura e favorecer o desenvolvemento da linguaxe, poden promover a educación igualitaria e en valores, ao igual fortalecer o desenvolvemento cognitivo, e gozar xunto coas súas familias dun tempo de lecer.




