[08-10-2016] O Concello de Ames, a través da concellería de Educación e Cultura, abre o prazo para inscribirse no programa de conciliación familiar Nadal Lúdico. Este servizo municipal desenvolverase tanto en Bertamiráns como no Milladoiro durante os días 22, 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro de 2016 e os días 2, 3, 4 e 5 de xaneiro de 2017. Nestas xornadas levaranse a cabo diferentes actividades lúdicas destinadas ao entretemento e á aprendizaxe dos máis pequenos. O horario será dende as 7:30 ás 16:00 horas. O prazo de inscrición estará aberto entre o 10 e o 28 de outubro. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de solicitude e as bases dos lúdicos.
O Nadal Lúdico é unha iniciativa que lle facilita aos pais e nais conciliar a súa vida laboral coas vacacións dos seus fillos, mentres estes, ocupan o seu tempo libre dunha maneira educativa e divertida. Os beneficiados serán os nenos e nenas escolarizados no segundo ciclo de educación infantil e en educación primaria que estean empadroados no concello de Ames.
Os nenos/as para os que se solicita o programa deberan pertencer a unha unidade familiar empadroada na súa totalidade no Concello de Ames, no momento de presentar a solicitude. Ademais, haberá que acreditar a necesidade de conciliación da vida laboral e familiar por ambos dous proxenitores/titores.
Tramitación das inscricións
O prazo de inscrición estará aberto entre o 10 e o 28 de outubro. As persoas interesadas en inscribir aos seus fillos/as neste servizo municipal poden recoller os impresos no departamento de Educación, situado no Pazo da Peregrina , ou na Oficina Municipal do Milladoiro. A entrega da documentación deberá facerse no departamento de Educación (rexistro auxiliar do Pazo da Peregrina), no Rexistro Xeral do Concello, en Bertamiráns, ou na Oficina Municipal do Milladoiro, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas.
Unha vez finalizado o prazo de inscrición publicarase a lista de admitidos na que tamén se indicarán os lugares das actividades por grupos. Esta listaxe poderase consultar nos taboleiros do Concello e da Oficina Municipal do Milladoiro. Para máis información poden chamar ao teléfono 981 891 476 ou enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.gal do departamento de Educación.




