[01-06-2015] As escola infantís municipais do Bosque, en Bertamiráns, e da Madalena, no Milladoiro, abren o prazo de matrícula para o vindeiro curso 2015-2016. Todos os pais e nais con fillos/as admitidos/as nestas escolas infantís terán que formalizar a matrícula entre o 1 e o 15 de xuño, pasando por estes centros educativos en horario de 9:00 a 14:00 horas.
As dúas escolas infantís dispoñen de 209 prazas, pero este non é número total de prazas dispoñibles porque moitas xa están ocupadas polos nenos e nenas de 1 e 2 anos que pasan de curso. Estas escolas están capacitadas con todo tipo de instalacións para cubrir perfectamente todas as necesidades do alumnado: sala de berces, comedor, cociña, lavandería, un almacén e aseos, sen esquecer un parque infantil exterior para os xogos dos máis pequenos.
As clases distribúense por franxas de idades: de 0 a 1 anos, de 1 a 2 anos e de 2 a 3 anos. Nas escolas infantís municipais son susceptibles de ser admitidos todos os nenos e nenas que teñen entre tres meses e tres anos, sempre e cando cumpran os tres anos antes do 31 de decembro de 2015.
Prazo de matrícula
Deste xeito, os nenos e nenas que figuran nas listas definitivas de admitidos/as terán que formalizar a matrícula entre o 1 e o 15 de xuño. Os pais ou nais destes nenos/as deberán presentar seis fotografías tamaño carné, a fotocopia do calendario de vacinas, a fotocopia da tarxeta sanitaria e o certificado médico. Para tramitar a matrícula haberá que pasar polas escolas infantís en horario de 9:00 h a 14:00 horas.
Para máis información, os interesados ou interesadas poden dirixirse aos propios centros: a EIM O Bosque situada no número 28 da Avenida da Peregrina, en Bertamiráns; e a EIM A Madalena situada no número 16 da Praza da Madalena, no Milladoiro. Ou ben utilizar os teléfonos 981 891 111 e 981 538 433, respectivamente.




