Pestanas principais

Este luns, 1 de xullo, ponse en marcha o servizo de bibliopiscinas en Bertamiráns, O Milladoiro e na praia fluvial de Tapia

Luns, 01 de xullo de 2013

[01-07-2013] O Concello de Ames pon en marcha un nova edición do programa de bibliopiscinas. Este servizo será impartido por varios monitores/as da empresa amiense Vagalume, que se encargarán de facer máis entretidas as tardes de piscina da época estival. Este servizo é unha iniciativa da concellaría de Educación que, por décimo primeiro ano consecutivo, pretende achegar os seus servizos tradicionais, levando os libros, os xogos, os contos, os xoguetes e varias actividades a estas áreas. As actividades desenvolveranse dende este luns, 1 de xullo, nas piscinas descubertas do Milladoiro e Bertamiráns, e na área recreativa de Tapia. Ademais, nas bibliopiscinas haberá xornais, xogos de mesa e libros para os maiores.

Un ano máis, coa chegada do verán, comeza o servizo de bibliopiscinas en Ames. A través desta iniciativa trátase de facer máis divertidas as tardes de sol para pais, nais e fillos/as. Os nenos e nenas poderán divertirse coa lectura e con diferentes xoguetes. Os máis pequenos terán xogos e libros para todas as idades. Os pais e nais tamén poderán gozar coa lectura da prensa, lectura dentro do recinto, préstamo de libros a toallas e a domicilio. O servizo de bibliopiscinas comeza este luns, 1 de xullo, e desenvolverase durante os meses de xullo e agosto nas piscinas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro, así como na praia fluvial de Tapia.

Todos/as coñecemos a importancia de medrar coa lectura e, por esta razón, o Concello impulsa iniciativas coma esta das bibliopiscinas, para que os nenos poidan asociar a lectura non só coas horas de estudo senón tamén co tempo de lecer. Os expertos coinciden en que é importante que os nenos e nenas non perdan o hábito de estudo nas vacacións, xa que logo lles resultará máis complicado a volta á rutina escolar. Pero non debemos esquecer que eles, ao igual que todos, necesitan descansar e desenvolver actividades lúdicas e motivadoras.

Sesións de contacontos
Para esquecerse da rutina do curso e dos estudos os rapaces e rapazas poderán gozar de contacontos. Todas as tardes levarase a cabo “a hora do conto”. Ao longo da tarde os monitores realizarán unha sesión de contacontos. Non haberá unha hora fixa para realizar estas sesións. Os monitores desenvolverán esta actividade no momento na que haxa unha maior afluencia de nenos/as na zona das bibliopiscinas. Os contacontos completaranse con diferentes obradoiros que se desenvolverán ao longo da tarde. Os pais e nais poderán aproveitar “a hora do conto” para darlle a merenda aos fillos/as.

Por outra banda, para poder acceder aos servizos de préstamo de libros a toalla e a domicilio só é preciso contar co carné das bibliopiscinas ou da piscina municipal descuberta. Todos os demais servizos son de acceso libre. As bibliopiscinas estarán abertas ao público nos meses de xullo e agosto.

Horario das bibliopiscinas
En Bertamiráns e no Milladoiro o horario será de luns a venres de 16:00 h. a 20:00 horas. As fins de semana e os festivos estarán pechadas. En Tapia o horario será o mesmo, dende as 16:00 h. ás 20:00 horas, pero de martes a domingo (os luns estarán pechadas por descanso do persoal). Ademais, estará aberto os días festivos.

Este servizo será impartido por varios monitores/as da empresa amiense Vagalume, que se encargarán de facer máis entretidas as tardes de piscina da época estival. Cómpre salientar que este servizo será impartido por persoal amiense. Durante os meses de xullo e agosto o horario das bibliotecas municipais de Bertamiráns e do Milladorios será de 9:00 h a 14:00 horas.

Durante os meses de maio e xuño as bibliotecas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro tiveron un horario máis amplo, que ía de 8:30 a 21:00 horas, de luns a venres, de xeito ininterrompido. As fins de semana as bibliotecas municipais abriron os sábados, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Esta ampliación do horario das bibliotecas municipais aplicouse de xeito experimental para coñecer a resposta da veciñanza amiense. Unha vez rematado este período de proba, dende as bibliotecas municipais destacan que tivo moi boa aceptación e que se incrementou de xeito considerable o número de usuarios/as.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Este luns ponse en marcha o servizo de bibliopiscinas en Bertamiráns, O Milladoiro e na praia fluvial de Tapia"