Pestanas principais

Este domingo volve o teatro infantil a Bertamiráns da man da compañía Caramuxo

Venres, 28 de xaneiro de 2011

[28-01-2011] O Concello de Ames ofrece a toda a veciñanza amiense unha ampla programación cultural para todos os públicos. Todas as fins de semana organízanse numerosas actividade nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Entre este tipo de actividades encóntrase o teatro tanto para adultos coma para os cativos. Para este domingo 30 está prevista a representación de "Mensaxe sen botella", obra de teatro infantil a cargo da compañía Caramuxo Teatro con Juan Rodríguez, Laura Sarasola e Suso Jalda na Casa da Cultura de Bertamiráns.

O teatro infantil volve a Ames dentro da programación cultural para o inverno. A Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá este domingo día 30, ás 17:00 horas, a representación de "Mensaxe sen botella", obra a cargo da Compañía Caramuxo Teatro. A peza fala das relacións entre dúas persoas ben distintas que terán que buscar un punto en común para entenderse. Trátase dunha proposta emotiva, visual e poética que mistura unha realidade imaxinaria nun mundo diferente.

A obra xira arredor de Jean Pierre Dumond, un home maniático e perfeccionista que vive só e dedicado cada noite a recoller as mensaxes que chegan ao seu faiado dentro de botellas de diferentes tamaños e cores. Dumond encargase de entregarllas a Gastón, o seu amigo e compañeiro alado, para que este as deixe voando no peitoril da fiestra do seu destinatario. Dumond é feliz na súa rutina diaria ata que un día chega unha botella sen mensaxe. A obra conta coas interpretacións de Juan Rodríguez, Laura Sarasola e Suso Jalda, e está dirixida por Olga Margallo.

Caramuxo teatro naceu na Coruña no 2003 da man de Juan Rodríguez. No 2007 pasou a formar parte do proxecto Laura Sarasola. Nestes anos, a compañía coruñesa participou en diferentes mostras, feiras e festivais por toda Galicia e mesmo en Portugal.

O teatro continuará en febreiro con outras obras de teatro para todas as idades. Entre as representacións estarán "Carta urxente para Máximo Toxo" e "Memoria de Elena e María", a cargo de Talía Teatro e Teatro do Atlántico respectivamente.