[18-10-2011] O teatro infantil volve á Casa da Cultura do Milladoiro da man da compañía Teatro del Andamio que representará o domino 23 de outubro, ás 17.00 horas, a obra “A verdadeira historia dos tres porquiños e o lobo feroz”, un espectáculo de actores e obxectos que narra a verdadeira historia dos tres porquiños; que son en realidade dous e a súa irmá, unha porquiña moderna, intelixente e loitadora. Unha visión actual que defende dous principios fundamentais: a igualdade e a solidariedade. Esta función tamén terá dous pases, un para o público infantil en xeral e outro para o alumnado amiense. A sesión escolar terá lugar o luns 24 de outubro ás 11.00 horas, na casa da Cultura de Milladoiro.
A Concellaría de Cultura pechou xa a programación teatral do último trimestre deste ano. A veciñanza amiense poderá gozar de 11 representacións teatrais durante os meses de outubro, novembro e decembro. Esta programación está repartida entre Bertamiráns e O Milladoiro. Ademais está pensada tanto para o público infantil como adulto. Deste xeito catro representacións teatrais estarán dirixidas ao público infantil, cinco están pensadas para público infantil e dúas para todos os públicos. Esta programación está incluída dentro das obras de teatro que ofrece a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC). Ao mesmo tempo o Concello de Ames forma parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o que permite traer a Ames obras de teatro de gran calidade e sona. Durante o período estival suspendéronse este tipo de actividades. Agora co comezo do outono vólvense a retomar.




